O Concello informa dos seguintes pasos que se están a dar para a reapertura da atención aos veciños de Mos, centrados na prevención de riscos nas dependencias da casa consistorial e no reinicio dos coidados presenciais destinados a persoas enfermas de alzhéimer.
Os 12 usuarios do Centro de Día de Petelos, xestionado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), comezarán a recibir atencion na súa propia vivenda de maneira gratuita, sendo a administración local a que asuma a financiación. O devandito centro pechara as súas portas por mor do estado de alarma e, fronte os posíbeis riscos de deterioro físico e cognitivo dos enfermos, o Concello ofrecerá dúas visitas semanais dunha hora nas que se realizarán terapias de distinto tipo adaptadas ás necesidades dos usuarios.
Durante o peche do centro de Petelos, o Concello continuara a enviar tarefas para os enfermos realizaren nas súas casas, ofrecendo mesmo un servizo de impresión que se estende a calquera familia mosense que o precise, como poden ser aquelas que necesiten imprimir labores escolares. Púxose a disposición dos veciños o enderezo mail habitamos@concellomos.es para acceder a este servizo.
Por outra banda, o Concello continúa coa súa fase de formación ao persoal en materia de prevención de riscos e de adaptación das instalacións municipais aos novos requerimentos de seguridade sanitaria. O estabelecemento dos novos elementos de seguranza contra o virus terá lugar a próxima semana, logo de seren examinados, e os traballadores se reincorporarán de maneira progresiva e por turnos para extremar a seguridade. De este xeito, tal como informou este diario, o Concello preve abrir as súas portas aos veciños o próximo día 11 de maio e poderá atender, mediante un sistema de citas previas, aquelas xestións que precisen.