Preocupación en COGAMI ante o impacto do Coronavirus no emprego de persoas con discapacidade
A taxa de paro no colectivo de persoas con discapacidade supera en 10 puntos a das persoas que non a teñen.
O COVID19 suporá un golpe na economía. Dende COGAMI pídese que se teña en conta a vulnerabilidade das persoas con discapacidade.
No Día Internacional das Persoas Traballadoras, COGAMI dedica o mes de maio ao emprego durante a campaña 12 Chaves da Inclusión, lanzada este ano polo seu 30 Aniversario.
Aínda que se mellorou co paso do tempo, o mercado laboral actual segue a non ser inclusivo para as persoas que teñen discapacidade. Este colectivo hoxe en día conta cunha taxa de paro superior en 10 puntos con respecto ás persoas que non teñen discapacidade. Aínda que xa son moitas as empresas que poñen en valor a inclusión laboral, queda camiño por percorrer. Dende as entidades sociais que representan a persoas con discapacidade, realizan accións de sensibilización e información orientada ao empresariado.
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) continúa falando de dereitos durante a campaña 12 Chaves da Inclusión que se estenderá ao longo deste ano. O mes de maio estará dedicado ao Emprego, mecanismo que permite a normalización, a integración plena dentro da sociedade e vivir en igualdade de condicións.
En palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “para unha persoa con discapacidade o traballo é máis que un dereito, supón unha oportunidade encamiñada a unha vida digna e estable, fomentando a súa participación na sociedade, a mellora da autonomía persoal e combater a discriminación pola falta de oportunidades en igualdade de condicións”.
Dende COGAMI existe preocupación por como se vai recuperar a economía tralo COVID-19 e como lle vai a afectar ás persoas con discapacidade. Se na pasada crise aumentou nun 25% a taxa de desemprego nas persoas con discapacidade, témese que estes datos negativos volvan repercutir novamente nun colectivo xa de por si castigado polas baixas taxas de emprego que acada.
A situación que actualmente viven as empresas está incidindo directamente na área de emprego de COGAMI. No período comprendido entre o 16 de marzo e o 29 de abril, o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) reflicte unha caída do 81% na xestión de ofertas de emprego que lle chegan dende as empresas e unha baixada do 24% das persoas inseridas con respecto ao ano anterior.
Máis que nunca, COGAMI pídelle á Administración que aposte pola reserva de contratos destinados a persoas con discapacidade por lei, que continúe coas axudas para a adaptación dos postos e a eliminación de barreiras nos centros de traballo, e que faga un seguimento daquelas empresas que, con 50 ou máis persoas contratadas, non realicen a reserva de emprego a persoas con discapacidade, executando as medidas necesarias para garantir o cumprimento da lei. Así mesmo, cómpre un firme compromiso por parte da Administración coa economía social mediante a adopción de medidas para paliar as consecuencias desta situación e favorecer a recuperación dos centros especiais de emprego tanto a curto como a medio prazo.
As cifras de emprego oficiais demostran que queda camiño por percorrer cara á integración laboral plena dentro do colectivo das persoas con discapacidade. Os últimos datos evidencian a necesidade de dedicar maiores esforzos a promover a igualdade en materia de emprego: Galicia, cunha taxa de actividade do 29,9% nas persoas con discapacidade – 47,1 puntos por debaixo respecto ás persoas sen discapacidade – sitúase na cuarta posición pola cola en España, seguida de Andalucía, Asturias e Canarias.
A persoa con discapacidade ten que loitar contra os estereotipos que existen sobre a súa persoa, unhas falsas crenzas que implican connotacións negativas asociadas a falsos testemuños como que as persoas con discapacidade non son capaces, que están enfermas, que son dependentes ou que non son produtivas. Dende COGAMI traballamos para eliminar estas falsas crenzas e sensibilizar e informar ao empresariado sobre a oferta de emprego a persoas con discapacidade. Para isto a entidade conta cun equipo formado por 40 orientadores laborais e axentes de emprego que se encargan de orientar e intermediar entre persoas con discapacidade que queren atopar emprego e empresas que buscan perfís para cubrir postos de traballo.
Campaña 12 Chaves da Inclusión
Co fin de conmemorar os trinta anos de traxectoria, COGAMI lanza a campaña 12 Chaves da Inclusión para concienciar e sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais de todas as persoas.
Esta campaña consiste na difusión de 12 pezas audiovisuais, unha por mes, que se difundirán en redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI. Cada peza refírese a un dereito: a primeira delas foi a educación inclusiva; febreiro centrouse na autonomía persoal; marzo nos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade; abril saúde e este mes de maio dedícase ao emprego. As vindeiras desenvolveranse: xuño a economía social; xullo á accesibilidade; agosto a voluntariado; setembro a turismo, lecer e deporte; outubro a movemento asociativo; novembro a infancia e xuventude e decembro a dereitos.
Podes ver o vídeo dedicado á chave de emprego neste enlace: https://youtu.be/AePwmH_G7c0