O xulgado nº 2 de Porriño emitiu o pasado 6 de marzo un auto no que se declaran sobresidas de maneira provisional as acusacións de desordes públicas formuladas pola alcadesa de Mos, Nídia Arévalo, e o Ministerio Fiscal contra os veciños polos incidentes acontecidos durante un coloquio sobre o proxecto do Celta no concello, o pasado 24 de setembro. Porén, o auto si observa un posible delito leve de lesións.
A decisión xudicial foi tomada despois de analizar a natureza dos feitos que dan lugar ás acusacións, as cales implicaban a máis dunha ducia de querelados entre os que se encontran integrantes de GañaMós Asemblea Veciñal e da Plataforma Agua e Vida. Trala análise do atestado e das declaracións considera o auto que, nin de maneira indiciaria, se poden imputar os cargos atribuidos.
O relato acreditado polas dilixencias conclúe que se produciu un pequeno balbordo cando a policía local comezou a requerir identificacións ás persoas que acudiran a unha invitación do Concello para informar sobre os avances do proxecto do Celta en Mos. Como resultado, indica o documento, persoas de avanzada idade sufriron ataques de ansiedade e un veciño recibiu un golpe na cabeza cun bastón por parte doutro veciño, ficando así lesionado. Estes últimos feitos, posiblemente constitutivos dun delito leve, continuarán sendo tramitados nos xulgados.