Redacción 16/04/2020

As medidas levadas a cabo pola Concellería de Asuntos Sociais responden ao incremento da paralización económica que afecta a máis de 200 familias. O concelleiro, David Alonso apunta que “sobre estas medidas haberá que valorar futuras aportacións, pendentes da evolución do actual estado de alarma”.

O Concello do Porriño amplía a partida adicada á axuda alimentaria para os máis desfavorecidos e anuncia a contratación de 24 traballadores eventuais, medidas que responden a situacións de vulnerabilidade provocadas polo excepcional estado de alarma.

As sucesivas prórrogas obrigaron a incrementar a partida económica de 20.000 € a 70.000 €, mediante crédito extraordinario. Ademais a previsión inicial de persoas a atender multiplicouse pola prolongada paralización económica que afecta gravemente a máis de 200 familias do concello, que precisan desta axuda de emerxencia. Esta partida adícase á atender ás familias máis desfavorecidas e persoas con dificultades económicas para que puideran abastecerse de alimentos frescos e produtos básicos de primeira necesidade dende que comezou o estado de alarma.

David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais e Emprego non descartou que “teñamos que afrontar unha nova ampliación da partida para esta emerxencia social en caso de novas prórrogas do estado de alarma. É unha circunstancia que valoraremos”, engadiu David Alonso.

Para atender esta emerxencia, o Concello do Porriño establecera un contrato con “Supermercados Froiz” para que as persoas e familias máis desfavorecidas puideran aprovisionarse deses produtos frescos e de primeira necesidade nos establecementos desa firma na rúa Ramón Gónzalez e tamén en Torneiros.

Coa achega municipal, as compras das familias máis desfavorecidas, que previamente valoraron os técnicos de Servizos Sociais, vanse descontando. A cada beneficiario da axuda, atribúeselle unha contía semanal que é o importe das compras que poden realizar no super.

Esta acción extra do Concello de O Porriño complementa á axuda periódica que distribúe o Banco de Alimentos “SOS Porriño” que tamén dobrou o número de demandantes ata chegar a 300 familias.

Por outra banda, o Concello do Porriño anuncia que procederá á contratación de 24 traballadores eventuais durante seis meses para reforzar a plantilla municipal en diferentes servizos. As prazas que se convocan son:

 – 1 traballador/a social.

 – 1 diplomado/a en Turismo.

 – 3 oficiais de carpintería.

 – 2 oficiais de primeira soldador.

 – 1 oficial de primeira electricista.

 – 4 oficiais de primeira de albanelería.

 – 2 peons de obras públicas.

 – 1 auxiliar de enfermería.

 – 2 auxiliares de biblioteca.

 – 1 auxiliar técnico de informática/arquivo.

 – 2 peóns forestais.

 – 2 peóns de limpeza.

 – 2 conserxes.

Todos eles a contratar a xornada completa durante seis meses.

O Concello disporá de 247.680 € para aboar eses 24 contratos que é o importe da achega outorgada pola Deputación Provincial a través da Liña 3 do Plan Concellos 2020. A confirmación da achega recibiuse xa nas dependencias municipais.

O Concello confirma a apertura do prazo para a recepción de curriculums de interesados que se recibirían e tramitaran nas oficinas de Porremprego nun breve plazo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad