Este equipo especial está integrado por 4 persoas dotadas de traxes e material especializado e dunha estación de descontaminación que instalarán no exterior do inmoble afectado no caso de ter que actuar ante a evolución do virus COVID-19 o Concello de Mos reforza esta semana o plan de desinfección de zonas urbanas e fontes que xa tiña en marcha.
Ó labor diario da empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza e ao equipo de 9 operarios de Vías e Obras e limpeza viaria do Concello nos que recaía a tarefa da desinfección de fontes, súmanse agora a este equipo 3 conserxes máis, sumando 12 traballadores; e un novo equipo que se pon en marcha, integrado por 4 membros do Servizo Municipal de Emerxencias e de Protección Civil de Mos, que procederá á desinfección especializada de vivendas nas que se detecten casos de coronavirus confirmados.
Este equipo especializado de 4 integrantes realizará, cando sexa necesario, labores de desinfección especial a levar a cabo nas zonas comúns (como escaleiras, ascensores, etc…) de edificios nos que exista algún caso de paciente/s infectado/a/os/as, e no perímetro exterior das vivendas unifamiliares nas que existan enfermos/as.
Para elo os 4 membros deste equipo irán uniformados con traxes especiais e instalarán unha estación de descontaminación no exterior do inmoble pola cal accederán á área de actuación e desinfección. Unha vez na área de acción, proceden á limpeza e desinfección e, tras rematar a tarefa, saen a través da estación de descontaminación onde se descontaminan para a continuación regresar á base, onde volven a comprobar todo o material utilizado.
Por outra banda está o equipo de limpeza e desinfección de fontes, que a semana pasada procedeu a desinfectar un total de 52 fontes nas 10 parroquias do municipio. Trátase das fontes máis utilizadas e frecuentadas de cada parroquia.
A semana pasada este equipo estaba integrado por 9 operarios municipais e hoxe incorporáronse ao mesmo 3 conserxes máis, formando un equipo de 12 persoas que traballa por parellas.
Esta semana comezarán co repaso da limpeza e desinfección das 52 fontes realizadas a semana pasada, para evitar contaxios nesas zonas. Ademais iniciarán tamén labores de desinfección das marquesinas de transporte público xa que o Bus Urbán de Mos e o Intermunicipal da Xunta continúan operando con algunhas liñas para cubrir servizos mínimos.
Estes 12 traballadores repartiranse por parellas para realizar os seguintes labores: 2 parellas farán a limpeza e desinfección de fontes, 2 parellas a de marquesinas, e 2 parellas a desinfección de locais abertos para atención e servizo ao público (farmacias, alimentación, panaderías, quioscos, estancos…) en colaboración e coordinación coa empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza.
Para estas últimas zonas, nas que se atopan locais comerciais abertos e prestando servizo ao público, elaborouse unha listaxe para establecer prioridades, de xeito que nas zonas máis urxentes actúa a empresa de limpeza e no resto o equipo de traballadores municipais.
Neste senso desde o Concello de Mos infórmase de que todos estes traballos iranse repetindo coa máxima periodicidade posible, é dicir, unha vez rematadas as desinfeccións realizaranse repasos periódicos puidendo incluso incorporar novas zonas e lugares a desinfectar.
Insístese ademais desde a administración local en que todos estes labores realízanse en total coordinación e cooperación entre Concello, Servizo de Emerxencias, Protección Civil e Urbaser (empresa de limpeza) apoiándose e reforzándose mutuamente.
Por último comunicar que sobre todos estes traballos emítese un informe municipal diario a modo informativo e para que quede constancia oficial da realización dos mesmos.