Será no Centro Social e Cultural e serviranse 2.500 racións nas que se inclúe o producto estrela, a zorza, pan e viño coa taza conmemorativa por 6 €
Contará coas actuacións da Rondalla de Pontellas, cantareiras Vaiche boa e grupo de gaitas Nordesía
A parroquia de Pontellas celebrará o vindeiro domingo 17 de novembro a XVI edición da Festa da Zorza no Centro Social e Cultural.
Vanse preparar 2.500 racions que se servirán en prato de barro e tamén en empanada, acompañadas de viño branco e tinto. O prezo da ración será de 6 € no que está incluído a taza, o viño, o pan e a zorza.
Os organizadores garanten que tanto a escolla da carne como a súa preparación é realizada de forma tradicional e polo tanto caseira, algo que os asistentes asiduos veñen valorando moi positivamente ó longo destes anos.
A degustación comezará a partir das 11.30 h ata as 15.00 h para o que está habilitada unha grande carpa. A organización e preparación corre a cargo da Asociación Cultural de Pontellas e conta coa colaboración do Concello do Porriño.
Para a animación desta Festa da Zorza actuarán a Rondalla de Pontellas, o grupo de cantareiras Vaiche boa -do centro cultural anfitrión- e o grupo de gaitas Nordesía.