
A obra conta cun prazo de execución de 5 meses e concéntrase en Lourido, Fornelos e Meder
A Alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, ven de asinar o contrato da obra “Mellora de camiños municipais en Lourido, Fornelos e Meder”, coa empresa adxudicataria do concurso público Naron SL.
Esta actuación está financiada con cargo á subvención concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural, ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020, e achega municipal con cargo ó orzamento do Concello, por un total de 64.603,11 €.
A execución desta obra pretende satisfacer a necesidade de mellora de dous camiños municipais, o primeiro deles atravesa as parroquias de Lourido e Fornelos, discorrendo entre os núcleos de Cotorreal e Enxembre; o segundo localízase na parroquia de Meder, nas inmediacións do núcleo de Codeseda.
En ambos camiños o firme actual é de aglomerado asfáltico, atopándose este nun estado notablemente deteriorado. Por iso se plantexa executar unha nova capa de rodadura sobre o pavimento asfáltico existente, para mellorar a calidade e seguridade de ambos camiños. A obra conta cun prazo de execución de 5 meses.