Redacción 01/10/2019

A CIG presentou máis de medio cento de denuncias dende o mes de maio que non obtiveron resposta
 
 
 
Delegados da CIG no servizo de transporte sanitario urxente do 061 da área metropolitana de Vigo denuncian que a Xunta está a suplir a escaseza de ambulancias derivada do concurso público contratando a empresas coñecidas por cometer numerosas ilegalidades. A central presentou máis de medio cento de denuncias diante das distintas autoridades competentes sen obter resposta polo momento.
 
Óscar Graña e Uxío Figueroa, delegados da CIG no 061 nas bases de Cangas e Moaña, e Julio Villa, representante da CIG na empresa Ambulancias Rías Baixas en Vigo, compareceron en rolda da prensa xunto a Carlos Lamosa, responsábel do sector de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, para alertar da situación que se vive no servizo público de transporte sanitario urxente da área metropolitana pola falta de ambulancias e valorar como vai quedar o servizo coa entrada en vigor do novo concurso o vindeiro 16 de outubro.
 
No caso da cidade de Vigo consideran que o número de vehículos é insuficiente, tendo en conta que a demanda do servizo aumentou un 20% e o concurso, que estará vixente até 2022, contempla practicamente os mesmos que en 2015: seis ambulancias de soporte vital básico durante o día e tres pola noite e unha de soporte vital avanzado (24 horas). A maiores, o novo concurso contempla unha de soporte vital avanzado de enfermaría só durante 12 horas e unicamente para transporte intrahospitalario, non de urxencia. “Trátase dun número claramente insuficiente atendendo o aumento dos servizos e tendo en conta que o novo hospital atópase fóra da cidade, o que incrementa a duración dos mesmos”, sinalan.
 
Ademais, o novo concurso precariza aínda máis o servizo que se presta ao establecer que en cada vehículo viaxará unha soa persoa (condutor/a) en lugar das dúas actuais, co conseguinte perigo que isto supón para os usuarios/as e as súas familias (que serán as encargadas de acompañar os doentes) en caso de vómitos, posíbeis caídas, manobras non axeitadas, etc. 
 
Para paliar esta falta de ambulancias, a Xunta está a botar man de empresas sobre as que o 061 non ten ningún tipo de control, que son contratadas de xeito arbitrario e con prezos por debaixo do custo do servizo. “Son compañías que incumpren a lexislación en materia de transporte sanitario e laboral, que contratan persoal sen titulación sanitaria (porque a Administración non esixe carné profesional), nas que só vai unha persoa e que fan transporte urxente en servizos compartidos”. De feito, a inspección sanitaria destes vehículos faise fóra de Galiza, o que permite que incumpran tamén a normativa en materia de sinalización.
 
Unha destas empresas é Colectivo Extremeño de Ambulancias (Coexam), antiga BDM, compañía coñecida por circular con ambulancias sen a correspondente ITV, co comprobante de Inspección Técnico-Sanitaria falsificado e co material médico caducado, entre outras deficiencias graves. Ademais, unha delas estaba catalogada como furgón para uso particular. Recentemente, a Federación Galega de Automobilismo denunciou que os vehículos desta empresa levaban produtos caducados e aparatos que non funcionan.
 
Todas as deficiencias foron constatadas pola CIG grazas a un exhaustivo traballo de campo realizado polo seus delegados/as, o que motivou a presentación de máis de medio cento de denuncias ante a Inspección de Traballo, os Gobernos e as Policías Locais dos concellos nos que operan as ambulancias, Garda Civil, Fundación 061 e Consellarías de Sanidade e de Transportes. “O resultado destas denuncias foi cero, xa que só nos contestaron do Concello de Vigo para dicirnos que non traballan con esta empresa, o que non é certo”.
 
Isto fainos sospeitar das vinculacións dos responsábeis da empresa coa Administración pública, “xa que a calquera de nós nos poden parar pola rúa para identificarnos e mesmo cachearnos, pero a esta empresa non lle piden nada a pesar de que denunciamos todas as irregularidades”. Por iso denuncian a inacción das Administracións sanitarias e a lentitude da actuación policial. Ao tempo que critican que o 061 siga a contratala. “De feito, segundo información non oficial, é moi posíbel que se faga cargo do servizo no Baixo Miño, cuxo concurso quedou deserto”.
 
Consideran que se trata dun xeito de suplir a licitación insuficiente de xeito que permita aforrar custes, xa que hai empresas que si que cumpren e que ben poderían asumir estes encargos “sen maltratar os usuarios/os e o persoal e sen incumprir a lexislación”. Pero sinalan que a diferenza está no prezo, xa que fronte os 40.000 ou 50.000 € que pode custar un vehículo “estamos a falar de ambulancias de entre 15.000 e 18.000 €, que se atopan nestas condicións e que levan persoal en prácticas, que é moito máis barato”. 
 
Finalmente, censuran o mal uso que se está a facer dos recursos da sanidade pública, xa que hai compañías privadas que non contan con servizo de ambulancias as 24 h, polo que cando teñen unha urxencia botan man do 061, que cobra por estes servizos. “Pero isto fai que teñamos un peor servizo público, porque as ambulancia están ocupadas e aumentan os tempos de espera”. 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad