O Equipo de Goberno de Salceda califica os primeiros 100 días moi positivamente
Cando están a piques de cumprirse os primeiros cen días dende a toma de posesión, o equipo de goberno de Salceda, formado por Movemento Salceda e PSOE, calificou este primeiro período como “moi positivo” e, o máis importante, “moi productivo”.
Tan só con 3 meses de andadura deste mandato, o Concello de Salceda ten aprobados xa inicialmente dous novos regulamentos, o Regulamento Orgánico Municipal e o Regulamento de Honores e Distincións.
No Pleno extraordinario celebrado este martes debatiuse a aprobación inicial do orzamento de 2019, un orzamento que se incrementa en 700.000 € con respecto ao orzamento vixente (prorrogado de 2016) e que reflexa a realidade actual do Concello. O orzamento duplica a cantidade reservada para o servizo de Axuda no Domicilio, que pasa de 200.000 a 400.000 €, garantindo deste xeito o incremento de horas de servizo que se viron producindo nos últimos anos.
Tamén neste período se completou a humanización da Rúa Compostela e se están a rematar as obras de urbanización, tanto na zona da Devesa como na rúa Gándara. Así mesmo iniciáronse outras obras como a recuperación da antiga escola de Vendanova para atención de persoas con enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer e outras demencias; a mellora dos espazos anexos ao campo de fútbol do Penedo Redondo; os viais de Petoa e Borralliño-Pantel; ou a posta en funcionamento dun servizo tan importante como o novo Gabinete de Atención Temperá, compartido co Concello das Neves.
O equipo de goberno -MS e PSOE- valorou moi positivamente estes primeiros cen días, e amosou a súa satisfacción por unha etapa fructífera a pesares de contar nestes momentos con unha persoa menos no equipo, por unha baixa médica da voceira do PSOE Verónica Tourón. Un dos factores principais da boa marcha dos diferentes proxectos é, sen dúbida, a existencia dun equipo coexionado e traballando man a man na procura do mellor para Salceda, con dúas forzas políticas con cadan seu programa electoral pero que conseguiron artellar un programa de goberno conxunto, que é o que están a levar a cabo nestes momentos.
A concelleira de Benestar Social e Ensino Gela Ledo (PSOE), manifestou que o seu partido considera ilusionante e motivador todo o traballo que queda por diante, amosando a súa satisfacción pola posta en marcha de servizos fundamentais como o gabinete de atención temperá ou pola elaboración duns novos orzamentos en tan pouco tempo, obxectivo fundamental do pacto de goberno, comprometéndose a seguir traballando pola veciñanza de Salceda.
A alcaldesa de Salceda Loli Castiñeira (MS), definíu estes primeiros cen días como moi productivos, con diferentes reunións do equipo de goberno cos colectivos veciñais, deportivos, culturais, etc. A alcaldesa destacou tamén que nestes tres meses se teñen achegado ás parroquias en diferentes ocasións para presentar o novo equipo e escoitar a veciñanza, co obxectivo de seguir a desenvolver unha acción de goberno centrada na veciñanza e empregando as diferentes asociacións como canle de comunicación máis representativa.