
O grupo socialista mosense solicita medidas urxentes para tratar de localizar ao causante dos vertidos que ata o de agora se localizan no paseo do Louro ao seu paso pola parroquia de Mos
Fai semanas a bancada socialista reclamaba máis controis sobre os vertidos que se están facendo no Río Louro despois de varias denuncias veciñais.
No pasado pleno de agosto, no que o goberno aprobou o pacto de alcaldes polo clima e a enerxía, a voceira socialista, Victoria Alonso, solicitou que este pacto tamén se materializase coa definición dunha estratexia para eliminar a contaminación medioambiental e os vertidos nos ríos locais.
O grupo socialista indica que esta semana seguen recibindo queixas veciñais onde nos mostran a súa preocupación polos vertidos que se fan no Louro de forma sistemática e co beneplácito do goberno popular que parece non tomar cartas no asunto.
Concretamente son varias as persoas que a primeira hora da mañá, mentres camiñan polo paseo do Louro ao seu paso pola parroquia de Mos, puideron ver os vertidos no cauce do río.
Victoria Alonso, pide que se tomen medidas o antes posible para identificar o foco dos vertidos e que se lle poñan fin, engade que se queremos potenciar o paseo do noso río temos que telo limpo e coidar o entorno. Alonso critica a deixadez do Partido Popular en temas medioambientais e di que as medidas que toman son de cara a galería pero as e os mosenses queremos que pasen das fotos os feitos.