A vindeira fin de semana -sábado de 10.00-21.30 h e domingo de 11.00-20.30 h- O Porriño acolle a Feira de Oportunidades
Un total de 25 establecementos de O Porriño e concellos limítrofes, repartidos en 28 postos (xa que algún dobra stand) participarán na XXI edición de “Merca na Rúa, Feira de Oportunidades” que vai ter lugar o vindeiro fin de semana na zona peonil da vila.
Deste xeito este sábado 7 de 10.00 a 21.30 h, e domingo 8 de 11.00-20.30 h a feira ofrecerá “descontos de ata o 80% xa que a intención é liquidar os restos da tempoada”, explicou Noelia Conde, xerente de ACIPOR e impulsora de “Morea, Centro Comercial Aberto do Porriño”.
Ademáis, os nen@s tamén teñen protagonismo no Merca na Rúa, xa que contarán con hinchables de balde os dous días; así como un contacontos o domingo ás 18.00 h.
A iniciativa do tecido comercial da vila foi louvada tanto por Sergio Casal, concelleiro de Comercio como por David Alonso, edil de Emprego que comentou un dato moi significativo. “Actualmente en O Porriño hai 1.200 autónomos dos que o 60% adícanse ó sector servizos, de xeito que eventos como este, axudan a dinamizar e son moi de agradacer”, sinalou David Alonso.
Pola súa banda Sergio Casal expresou a “noraboa do Concello ós organizadores” reiterando “a nosa vontade de manter a colaboración para a continuidade destas feiras”, manifestou o edil de Comercio.
Pola súa parte Noelia Conde agradeceu ó Concello e os devanditos concelleiros “pola súa colaboración inestimable non só para a ocupación dos espazos públicos, senón tamén pola axuda económica e loxística”.