A falla de horarios en liñas e conexións no municipio porriñés é evidente xa que son moitos os veciños que a cotío teñen que desprazarse aos seus lugares de traballo, estudo ou xestións médicas en transporte particular
Un grupo de veciñas do Porriño presentou unha alegación ao Plan de Transporte Colectivo da Xunta de Galicia, en exposición pública neste mes de agosto pedindo melloras ás propostas relativas ao Concello do Porriño.
Ademáis de queixarse de que un asunto tan importante como é a determinación de rutas e horarios do transporte público por estrada, fora posto en exposición pública en pleno mes de agoto e sen ningún tipo de publicidade -a que impide, polo inadecuado do mes e a falta de información, o exercicio de participación nos asuntos públicos ao que ten dereito a cidadanía- as veciñas e veciños que tomaron a iniciativa de alegar o plan chaman a atención sobre unha serie de carencias que non se abordan na proposta da Xunta, e condicionarán o uso deste modelo de transporte sustentable nos vindeiros anos.
Deste xeito, o Plan da Xunta segue sen contemplar a necesidade de habilitar liñas que permitan o acceso aos polígonos industriais da Granxa e Gándaras aos miles de traballadoras e traballadores que diariamente se desprazan a eles por motivos laborais e o teñen que facer en transporte particular, axudando a colapsar a rede viaria da comarca -A-55 e A-52-, que se vería aliviada de poderse usar liñas de transporte colectivo eficaces en horarios e frecuencias.
Tampouco da solución o plan de transporte anunciado á case nula accesibilidade en transporte público ao Polígono Residencial de Torneiros. Remarcan as persoas asinantes desta alegación, que o polígono é o terceiro núcleo urbano en poboación da comarca natural da Louriña, cun número de habitantes en torno ás 4.000 persoas, e que nel hai servisios como o SEPE (antigo INEM) onde se ven obrigados a ir residentes dos concellos de Salceda, Mos e do propio Porriño que carecen de liñas de autobús nas que poder facelo; así como a imposibilidade que sufre de sempre o vecindario do Polígono para se conectar co Porriño, Vigo e demais concellos da contorna.
Chaman tamén a atención sobre a incomunicación da parroquia de Chenlo e a deficiente comunicación das demais parroquias co centro urbano e o nó de comunicación da avenida de Galicia para acceder a liñas de comunicación habituais como as que comunican con servicios hospitalarios de Vigo -Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro-.
Ademais de que neste plan non se contempla a necesidade dun número adecuado de buses adaptados ás persoas con discapacidade, lembran que a poboación do Porriño que cursa os seus estudios na Universidade de Vigo non ten liñas de acceso en horarios adecuados.
Por último piden unha mellor comunicación coa comarca do Val Miñor -concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona- sobre todo en época estival, onde hai gran demanda para acceder ás praias.
As persoas asinantes consideran que este novo plan da Xunta será unha ocasión perdida de non se atender os problemas denunciados no escrito de alegacións.