Redacción 16/07/2019

Non imos participar no espectáculo mediático de Nidia Arévalo sobre a suposta trama das facturas falsas

 

 

Os grupos municipais do PSdeG-PSOE, GañaMós e BNG no Concello de Mos acordamos, conxuntamente, non asistir ao pleno extraordinario convocado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, para este martes, 16 de xullo.

O único punto da orde do día é, literalmente, “a falsificación de documentos públicos e usurpación da empresa Aquamos” e a nosa negativa a participar nesta convocatoria está plenamente xustificada polos motivos que se expoñen a continuación:

1. Non imos colaborar coa farsa do xuízo paralelo impulsado dende o goberno do PP.

O Partido Popular pretende realizar un xuízo paralelo sobre a suposta trama das facturas falsas e consideramos que algunhas das declaracións de Nidia Arévalo nas últimas semanas están absolutamente fóra de lugar, máis aínda tendo en conta que hai unha investigación en curso sobre este tema. A alcaldesa non estivo á altura da súa posición institucional cando atacou de forma directa a unha comunidade de montes e sinalou publicamente, ofrecendo nomes e apelidos, a varias persoas sobre as que non pesa ningunha acusación formal. Esta forma de proceder é inaceptable e se non pode demostrar a solidez das súas afirmacións ante a Xustiza, será a propia Nidia Arévalo quen teña que render contas ante a veciñanza.

 

2. A oposición non recibiu información algunha sobre a presunta trama.

A denuncia sobre as supostas facturas falsas púxoa Nidia Arévalo a título particular e non o Concello de Mos como institución. De feito, o tema non se tratou en ningún pleno nin en ningunha comisión informativa e os grupos da oposición non recibimos comunicación algunha ao respecto. A alcaldesa actuou por libre e non entrou en contacto connosco en ningún momento, a pesar de que solicitamos información sobre este tema en reiteradas ocasións. A señora Arévalo non debería esquecer que as tres forzas da oposición sumaron o 51,6% dos votos nas últimas eleccións municipais.

Cando se nega a ofrecernos a información que lle reclamamos, está desprezando aos representantes de máis da metade da poboación de Mos. Toda a información que nos chegou sobre a presunta trama procede de rumores difundidos polo boca a boca ou de forma interesada a través das redes sociais. A alcaldesa acusa ás forzas da oposición de intentar obter réditos políticos, pero o certo é que o único partido que realizou declaracións aos medios e enviou notas de prensa sobre este tema foi o PP. Máis aínda, o goberno municipal utilizou recursos do Concello con fins partidistas ao distribuír un comunicado da alcaldía e unha fotocopia da suposta factura en plena campaña electoral. Ata onde temos coñecemento, esas foron as únicas facturas que chegaron á inmensa maioría das casas.

 

3. A convocatoria dun pleno extraordinario non está xustificada.

Este pleno extraordinario celébrase 13 días antes da sesión ordinaria do mes de xullo e non acabamos de comprender cales son as razóns de urxencia que o xustifican, máis alá da intención do PP de acaparar a atención mediática. As forzas da oposición fomos convocadas con apenas catro días de antelación e os poucos detalles que se ofrecen na orde do día non nos permiten saber cal é o motivo de reunir con tanta présa á corporación municipal.

Por outra parte, a celebración dun pleno supón un gasto engadido e é ben sabido que o Concello de Mos non está en disposición de asumir dispendios extraordinarios. As arcas municipais atópanse en situación crítica por mor da mala xestión de Nidia Arévalo e entendemos que, con esta convocatoria, a alcaldesa pretende desviar a atención para que non se fale da débeda municipal.

Aínda estamos á espera de que o goberno presente a liquidación de 2018. O pleno extraordinario é un capítulo máis do espectáculo mediático que está a montar o Partido Popular, un show no que tivemos que presenciar escenas realmente vergoñentas. A actitude vitimista que está exhibir Nidia Arévalo é impropia dunha alcaldía.

 

Por último, as tres forzas políticas que subscribimos este comunicado queremos reiterar a nosa firme oposición á modificación do Plan Xeral solicitada dende o goberno do PP para dar amparo legal ao pelotazo urbanístico de Carlos Mouriño. Fronte á campaña liderada por Nidia Arévalo para desacreditar o movemento social en defensa do monte, o compromiso coa veciñanza de PSdeG-PSOE, GañaMós e BNG permanece intacto.

Á marxe das diferenzas ideolóxicas ou programáticas que poidamos ter, as tres forzas estamos unidas na defensa do interese xeral fronte ao negocio dos especuladores do monte e da auga. Por iso nos negamos a entrar no xogo de Nidia Arévalo, que pretende dividir á veciñanza para acadar os seus obxectivos. O goberno do PP defende os intereses dunha empresa privada e a alcaldesa está a actuar, utilizando as súas propias palabras, coma o “brazo armado” do señor Mouriño.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad