Mediante os mesmos perséguese o obxectivo de difundir e fomentar a cultura musical
Este martes asináronse no salón de sesións do Concello de Mos sendos convenios anuais de colaboración entre a administración local mosense, a Banda de Música Xuvenil de Torroso e a Escola de Música de Mos.
O acto de sinatura formalizouse entre a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e Iván Rey Grandal, en calidade de presidente da Banda de Música Xuvenil de Torroso e do Centro Recreativo e Cultural de Torroso, que xestiona a Escola de Música de Mos; en presenza da concelleira mosense de Cultura, Sara Cebreiro.
O convenio de colaboración coa Banda de Música Xuvenil de Torroso implica unha achega económica do Concello de 12.000 € pola que a Banda comprométese a organizar obradoiros musicais infantís, visitas guiadas áEscola de Música para o alumnado dos centros educativos de Mos, a actuar na Festa da Rosa e na Festa dos Maiores e á organización do concerto de Santa Icía.
A Banda de Música Xuvenil de Torroso creouse no ano 1987 no seo do Centro Recreativo e Cultural de Torroso e, na actualidade, conta con máis de 65 compoñentes con idades comprendidas entre os 10 e os 40 anos. A agrupación musical acadou numerosos premios, no Certame Provincial de Bandas de Música: 3º premio na III edición, 2º premio na IV edición, 1º premio e mención de honra na V edición, 2º premio na sección II da XI edición e 1º premio na XII edición; ademais do1º premio na segunda sección do II Concurso Zonal de Bandas de Música Populares do sur de Pontevedra.
O Concello de Mos e a Banda de Música Xuvenil de Torroso levan organizando conxuntamente, dende o ano 1999, o Certame de Bandas de Música de Mos.
O Convenio de colaboración entre o Concello de Mos e o Centro Recreativo e Cultural de Torroso para o funcionamento da Escola de Música de Mos (sita no Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso) durante o ano 2019 implica unha subvención municipal ó Centro como xestor da Escola de 45.000 €. O importe da axuda establécese en función do número de alumnos da Escola, en concreto a contía anual concedida é a que corresponde ao superar os 140 alumnos/as matriculados/as. Actualmente o número de alumnos da Escola de Música de Mos ascende a 450.
O obxectivodesta subvención de carácter nominativo a favor do Centro Recreativo e Cultural de Torroso para o funcionamento da Escola de Música que leva a cabo dita entidade é o de proporcionar formación musical á cidadanía mosense, así como fomentar entre a mesma a difusión da cultura musical, tan rica no Concello de Mos.
A Escola de Música de Mos é tamén conservatorio e conta, dende o ano 2003, coa súa propia Banda Orquestra Sinfónica Escola de Música de Mos B.O.S.E.M.M.