Redacción 14/06/2019

Tera lugar no Campo de Fútbol das Baloutas do 24 ao 28 de xuño e de 10.00 a 14.00 h

 

 

O vindeiro luns, 17 de xuño, abrirase o prazo de inscrición no VI Campus Fundación Celta-Rubén Blanco que se realizará no Campo de Fútbol das Baloutas do 24 ao 28 de xuño (ambos días incluídos). O prazo de inscrición finalizará unha vez cubertas as prazas ofertadas, que se asignarán por rigorosa orde de entrada.

O Campus desenvolverase en horario de 10.00 h a 14.00 h da mañá, cun descanso para comer algo e beber auga para hidratarse.

Ó inicio do campus os rapaces participantes (con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos) recibirán a equipación composta por calcetíns, pantalón e camiseta; así coma, ao remate do mesmo, un diploma acreditativo. Premiarase aos participantes máis destacados cun adestramento na Madroa xuntos cos nenos das Categorías Inferiores do Celta.

Os interesados en inscribirse poden facelo presencialmente no Rexistro do Concello de Mos ou na sede electrónica do Concello.

Estarán dispoñibles un total de 60 prazas. O prezo do campus para os cativos empadroados en Mos será de 60 €, mentres que para o resto será de 132 €. A solicitude de inscrición que deben asinar os pais pode descargarse da páxina web do Concello, así como os datos para realizar o pago. A solicitude física impresa pódese recoller tamén no Rexistro municipal.

A metodoloxía que utilizan os monitores da Fundación Celta de Vigo neste Campus baséase no traballo de catro áreas fundamentais: coordinación, técnico-táctica, multideporte, e competición. O sistema para impartir a formación ós xogadores é rotativo, de xeito que ó longo da mañá tódolos cativos participantes no campus vaian pasando polas catro diferentes áreas de traballo.

Esta metodoloxía é a mesma que se emprega nas categorías inferiores do Real Club Celta. Ademais a formación especializada deste campus está impartida por adestradores da canteira do Real Club Celta.

Os pequenos participantes nesta iniciativa recibirán tamén ao longo da semana do campus charlas sobre os valores no deporte e como inculcarllos aos xóvenes deportistas, e nutrición e hábitos de alimentación saudables. Trátase pois dunha actividade perfectamente equilibrada entre o lúdico e o formativo sen deixar de lado a educación en valores. E é que mediante a celebración deste campus preténdese empregar a práctica deportiva entre os máis xóvenes como ferramenta transmisora de valores como son a solidariedade, creatividade, traballo en equipo, sacrificio, superación, respecto, humildade e compañeirismo.

Os obxectivos deste campus son, segundo explicou Nidia Arévalo, rexedora local mosense, “facilitar aos pais e nais mosenses a concienciación da vida familiar e laboral unha vez iniciadas as vacacións estivais dos máis pequenos, fomentar a práctica do deporte nas idades máis temperás, así coma educar aos cativos participantes en valores e promover hábitos alimenticios saudables e equilibrados”.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad