A agrupación mosense de patinaxe logrou a prata coa coreografía “Dentro del tiempo”
O pasado 6 de abril, sábado, os rapaces da agrupación mosense de patinaxe Xiramos participaron no II Trofeo Don Quijote en Santa Cruz de la Zarza (Toledo) con tres grupos: “Welcome”, “Miradas en la noche” e “Dentro del tiempo”. Foi con este último co que obtiveron o segundo posto na súa categoría.
Este trofeo trátase dunha competición promocional de exhibición e o grupo da coreografía “Dentro del tiempo” acadou a medalla de prata na categoría de Grupo Grande Promocional.
Os integrantes da coreografía “Dentro del tiempo” son un total de 14 mozos, 11 nenas e 3 nenos, con idades comprendidas entre os 13 e os 18 anos; que lograron, con este segundo posto en Toledo, o seu primeiro podio.
Tras este logro deportivo xa teñen programadas novas citas de competición. O vindeiro sábado 13 de abril participarán no Trofeo Internacional de Vigo, o 27 de abril no Trofeo Condado de Salvaterra e o primeiro sábado do vindeiro mes de maio no Trofeo Cid Campeador, en Burgos.
A Agrupación de Patinaxe Xiramos, que preside Beatriz Rodríguez Álvarez e que foi fundada no ano 2012, está integrada por un total de 27 patinadores e patinadoras de entre 11 e 18 anos de idade. Adestran dous días por semana en instalacións deportivas municipais, concretamente os martes no Pavillón Patricia Martínez e os venres no Pavillón Óscar Pereiro.