Redacción 02/04/2019

O Xulgado Contencioso Administrativo Nº3 de Pontevedra ven de homologar o acordo transaccional acadado entre o Concello de Salceda de Caselas e a Asociación de Provedores, que vai permitir o pagamento dos 998.883,87 € bloqueado ata o de agora polos grupos da oposición de Salceda 

 

 

A Asociación de Provedores do Concello de Salceda de Caselas, logo da negativa de PP e PSOE para aprobar as súas facturas en Pleno, tivo que presentar de novo un recurso contencioso administrativo reclamando o cobro das súas débedas o pasado 15 de marzo, que foi admitido a trámite o 21 do mesmo mes.

O 22 de marzo chegábase a un acordo transaccional entre o Concello e a Asociación de Provedores, para que o pagamento do a débeda puidese facerse canto antes, presentando dito acordo ante o Xulgado o día 26. Tan só dous días despois, o 28, a xuíza encargada do caso emitiu a homologación do acordo transaccional, establecendo un prazo de dez días para que o Concello realice o pago das facturas pendentes. O acordo entre as partes vai supoñer o aforro dos xuros de demora e as custas xudiciais.

Ponse así fin ao bloqueo por parte dos grupos da oposición, que impediron cos seus votos que os provedores puidesen cobrar polos traballos xa realizados, tal como xa acontecera en anos anteriores. Curiosamente tamén os grupos municipais do PP e o PSOE van cobrar a través deste recurso xudicial, xa que entre os pagos pendentes tamén están as aportacións do Concello por grupos políticos, polo que o que PP e PSOE vetaron mediante voto en contra no Pleno, acéptano agora a través da homologación xudicial.

Dende o Equipo de Goberno de Salceda (Movemento Salceda) lamentan que a cuestión tivese que rematar por vía xudicialunha vez máis “polo afán de bloqueo da acción de Goberno por parte de PP e PSOE” Así mesmo, agradeceron a confianza dos provedores “a pesar da actitude irresponsable do PP e o PSOE” .

O alcalde, Marcos Besada, manifestou que “PP e PSOE queren gobernar o Concello dende a oposición e basean a súa laboura de oposición na acción de bloqueo ao Goberno. O que fixeron cos provedores do Concello por terceira vez foi verdadeiramente surrealista, impedíndolles cobrar polos traballos realizados. A Xustiza, unha vez máis, avalou a reclamación dos provedores, como non podía ser doutro xeito”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad