Home, con idade entre 41 e 55 anos, con estudos primarios e con discapacidade física, é o perfil maioritario das persoas inscritas na bolsa de emprego de COGAMI, que conta actualmente con 20.458 persoas inscritas, o 65% destas están desempregadas
O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) que forma parte de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) leva orientadas durante este primeiro trimestre do ano a 1.088 persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral recoñecida para a profesión habitual.
Destas persoas orientadas, 402 foron dadas de alta no servizo e entraron a formar parte dunha base de datos que arestora conta con 20.458 persoas inscritas, das que o 35% están traballando e o 65% están en situación de desemprego. Polo tanto, contamos arestora na nosa base de datos con 13.397 persoas que demandan un posto de traballo.
Durante este primeiro trimestre do ano, segundo datos que manexa o SIL de COGAMI, houbo 559 persoas inseridas no mercado laboral galego (306 homes e 253 mulleres), un dato que supón un aumento dun 3,34% con respecto ao ano anterior, e que se despeza no seguinte recadro:
localidade |
persoas inseridas |
homes |
mulleres |
A Coruña |
88 |
41 |
47 |
Ferrol |
59 |
24 |
35 |
Santiago |
90 |
60 |
30 |
Lugo |
78 |
45 |
32 |
Ourense |
67 |
38 |
29 |
Pontevedra |
86 |
51 |
35 |
Vigo |
91 |
46 |
45 |
TOTAL |
559 persoas inseridas |
306 homes |
253 mulleres |
Os sectores nos que se produciron estas contratacións foron maioritariamente o sector servizos, coincidindo coa estrutura maioritaria do tecido empresarial. Segundo as zonas, tamén varía a tipoloxía de insercións, por exemplo na comarca da Barbanza existe demanda de postos para o sector conserveiro. A limpeza, atención a persoas, servizos a empresas e a industria manufactureira son outros sectores que demandan persoal laboral con discapacidade.
Segundo explica a coordinadora do Servizo de Emprego de COGAMI (SIL), Mari Carmen Ínsua, “notamos algún avance no mercado con respecto á contratación de persoas con discapacidade”. Ante o ascenso no número de contratacións Mari Carmen Ínsua di que “temos que ser cautos, porque seguen sendo moi inferiores as taxas de emprego nas persoas con discapacidade”. Ademais, tamén indica que dentro da discapacidade “os traballos son en peores condicións en canto a alta taxa de temporalidade e xornada a tempo parcial”.
A falta de cualificación ou a escasa formación son un dos problemas que máis contempla o colectivo das persoas con discapacidade. Moitas das persoas apuntadas na base de datos do SIL de COGAMI teñen que reorientarse ao mercado, por iso dende esta área os asesoran para que se formen con COGAMI nos cursos que cada ano desenvolve, sendo actualmente 28 os que se están impartindo con 345 persoas formándose.
Realizar accións de sensibilización co tecido empresarial é fundamental para que existan oportunidades laborais para persoas con discapacidade. Dende o SIL de COGAMI están a traballar coas empresas como motor de cambio, que sexan comprometidas e que se alíen para a creación dunha sociedade inclusiva e igualitaria. Dende o SIL realizan visitas ás empresa para dar a coñecer o apoio que se lles pode prestar nos seus procesos de selección de persoal con discapacidade, ademais de asesoralas para cubrir a cota de reserva a aquelas que teñen máis de 50persoas traballando.
SIL de COGAMI
O Servizo de Información, Orientación e Prospección de Emprego (SIL) é un dos principais referentes na especialización dos servizos de emprego. Concentra a maioría das accións dirixidas á busca de emprego. É centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, autorizada como Axencia de Colocación recoñecida co nº 1200000003, e conta cun equipo formado por 40 profesionais de orientación laboral e axentes de emprego que traballan nas 7 oficinas que ten en Galicia.