Ademáis das actividades programadas o sábado 9 de marzo terá lugar o tradicional enterro da Lamprea
O Entroido de Salvaterra de Miño terá o seu comezo co Desfile dos Centros Educativos salvaterrenses, o venres 1 de marzo a partir das 10.30 h. O desfile percorrerá a distancia entre a praza do Concello e o Parque da Canuda. En caso de choiva, trasladarase ao Pavillón de Leirado. Ese mesmo día 1, ás 22.00 h, haberá un Concerto de Entroido a cargo da Banda de Música de Salvaterra.
Outro punto forte do Entroido salvarterrense vai ser o Festival Infantil de Entroido, o martes 5 de marzo, a partir das 17.00 h, no salón da Casa de Cultura de Salvaterra. A animación correrá a cargo da Banda dos Cueiros e Animación infantil con rosca e chocolate para todos e todas.
O mércores, 6 de marzo, Obradoiro en Familia sobre ‘Danza de Entroido’, na praza do Concello, con Mercedes Prieto, e con música e divertimento para toda a familia. En caso de choiva, realizarase no salón da Casa da Cultura de Salvaterra.
Para rematar, o Enterro da Lamprea celebrarase o sábado 9 de marzo, ás 17.00 h. Aquelas persoas que decidan acudir para estar na Comitiva da Defunta Lamprea, cómpre que o fagan de riguroso loito. A marcha fúnebre vai ir acompañada, ademais da Comitiva, por diferentes comparsas. O percorrido comeza na rúa de Rosalía de Castro (entrada do colexio Infante Felipe) e continúa polas rúas Castelao, Fonte da Vila, Dona Urraca e remata na praza do Concello.