Redacción 13/02/2019

O desfile concurso celebrarase o martes 5 de marzo e repartiranse 5.600 € nos 18 premios establecidos

 

 

Mañá xoves, o venres e o luns serán as datas nas que se deberán inscribir os grupos e comparsas que desexen participar no Desfile – Concurso de Entroido 2019 en Tui o martes 5 de marzo.

As bases de participación veñen hoxe publicadas no BOPPO, así coma na web municipal tui.gal e na sede electrónica do Concello de Tui.

Os grupos deben estar formados por entre 10 e 20 persoas, e as comparsas por un mínimo de 25 compoñentes. Limítase a participación a 5 grupos e a 20 comparsas por orde de inscrición, coa salvidade de que nunca quedará fóra un grupo ou comparsa de Tui.

Nos premios introdúcese coma novidade na puntuación do Premio Xeral a concorrencia, na que se terá en conta o número de participantes, que se sumará a actualidade do tema elixido, o vestiario, a parodia, o acompañamento musical e a existencia ou non de carroza. Nesta categoría xeral haberá sete premios con trofeo e unha dotación económica que oscilará entre os 700 € e os 100 €.  Tamén se outorgarán seis premios en carrozas que oscilarán entre os 400 € e os 150 €, catro en acompañamento musical dotados con entre 300 € e 150 €, e un único premio en fantasía cun importe de 150 €. En total repartiranse 5.600 € en premios, aos que se deberá sumar os 400€ nos que están valorados os trofeos, e os 11 mil euros reservados como fixos por participación.

O Desfile Concurso de Entroido celebrarase o martes, 5 de marzo, festivo local na cidade, dende ás 17 h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. A orde de saída dos participantes establecerase no sorteo que se celebrará o luns, 25 de febreiro, ás 20 h no salón de sesións da Casa do Concello.

Os grupos e comparsas que desexen participar deberán inscribirse mañá xoves 14 o venres 15 e o luns 18 de 9 a 14h por rexistro de entrada na Casa do Concello ou na sede electrónica, nos impresos normalizados para este fin.

Nas bases establécese tamén que o Enterro do Bacallau se celebrará o domingo 10 de marzo ás 19.30 h dende a Praza de San Fernando, rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, con parada para ler as coplas. A segunda parte do percorrido cambiará con respecto a anos anteriores xa que baixará pola rúa Bispo Lago, San Telmo, Cuenca, Antero Rubín, Baixada ao Embarcadoiro para rematar no Paseo Fluvial onde terá lugar a queima do bacallau.   

As persoas que desexen ler as coplas, deberán cumprir os requisitos recollidos nas bases, que establecen que se deberán entregar por rexistro de entrada o mércores 6 de marzo de 9 a 14 h e se lerán coa cara descuberta cun tempo máximo de 5 minutos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad