Redacción 25/01/2019

A parcela na que se ubicará atópase situada na Avenida do Rebullón e ocupa uns 2.500 m2

 

 

A alcaldesa de Mos, Arévalo, informou hoxe de que o Concello de Mos habilitará próximamente un aparcadoiro gratuíto para vehículos na zona de Puxeiros. Concretamente ubicarase nun terreo actualmente inutilizado que se atopa situado na Avenida do Rebullón.

Para habilitar este espazo como aparcadoiro realízase unha cesión gratuíta en favor do Concello de Mos, xa que a parcela non é de titularidade municipal.

A zona de Puxeiros, pertencente á mosense parroquia de Tameiga, é unha zona urbana do Concello de Mos que rexistra unha crecente demanda de prazas de aparcamento ao tratarse dun importante núcleo de servizos.

Diariamente poden acudir a Puxeiros, según cálculos da Policía Local de Mos, entre 2.000 e 3.000 persoas que se desprazan ata as empresas dos tres polígonos industriais existentes na zona (Rebullón, Portela e Monte Faquiña), ás entidades bancarias, negocios de hostelería e alimentación, farmacias, Centro de Saúde, dentista, a sede de AEMOS, o colexio, e outros negocios varios.

Para optimizar o aproveitamento de prazas de aparcadoiro no lugar,xa se implantou o sistema da zona azul que regula o tempo máximo de estacionamento nun tramo da Avenida de Puxeiros, e agora habilitarase esta nova área na que poder aparcar e que ampliará moito o espazo destinado a tal fin.

A parcela, que como se dixo se atopa na Avenida do Rebullón, ten unha superficie de 2.500 m2 aproximadamente e capacidade, según valoración técnica, para albergar sobre 100 vehículos.

Os obxectivos desta iniciativa son, segundo explicou esta mañá Arévalo, “facilitar o aparcamento nunha zona de crecente movemento de persoas por ser zona de paso e conexión intermunicipal, ademais de concentrar gran cantidade de negocios e servizos; e incentivar así o comercio local. Queremos dar comodidades aos usuarios dos establecementos da zona para que tanto mosenses como foráneos non deixen de comprar en Mos, estudar en Mos, traballar en Mos… En definitiva, consumir en Mos e contribuír a que Mos continúe medrando e mellore deste xeito a calidade de vida dos seus veciñ@s”, declarou a alcaldesa mosense”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad