Redacción 24/01/2019

Ponteareas aposta pola igualdade ó contar con 4 persoas con discapacidade para un servizo de limpeza de calidade

 

A concellería de Ensino, que dirixe a concelleira Cristina Fernández, contratou o servizo de limpeza do CEIP Ramiro Sabell á empresa de compromiso social “Limpadores especialistas integrados”. A empresa presta o seu servizo con catro traballadores con discapacidade que todas as tardes deixan impoluto este centro educativo. O contrato adxudicouse por dous anos prorrogabeis por outros dous máis.

Con esta decisión o goberno local aposta pola igualdade de oportunidades e polas empresas que na súa actividade poñen por diante os valores sociais e o obxectivo de integrar no mercado laboral a persoas con maiores dificultades de acceso a un emprego.

A empresa creada no ano 1998 como proxecto de integración conta con 85 traballadores e está certificada como Centro Especial de Emprego ao ter acreditado ante a administración autonómica o seu compromiso de integración. Ademais, a calidade dos seus servizos está plasmada nos seus certificados de calidade ISO 9000 e ISO 14.000. A empresa conta con longa e ampla experiencia en servizos de limpeza en centros e edificios públicos de toda Galicia. Os seus empregados son formados no propio posto de traballo para ser completamente independentes e efectivos, explica Cristina Fernández quen lembra que “non son diferentes, son iguais e por iso reciben formación sobre riscos laborais e todos os coñecementos que precisan para o seu traballo”.

A contratación foi criticada polo Partido Popular que acusou ao goberno local de “privatizar” o servizo. Cristina Fernández cualificou de “pintorescas as críticas, vindo dun partido que practica a privatización de todos os servizos, incluindo a sanidade e a educación. Alegrámonos de que o PP en Ponteareas renegue do seu liberalismo e abrace a defensa dos servizos públicos” ironizou a edil. Fernández explicou que, ante a falta de persoal por xubilacións a lexislación actual “non nos permite contratar traballadores e obríganos a contratar empresas externas para servizos coma este. O importante é que a contratación facémola con transparencia e primando a quen emprega como traballadores a persoas discapacitadas. É dicir, o contrario do que facía o PP quen contrataba a dedo primando a amigos e persoas do partido”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad