O partido nacionalista discrepa do procedemento selectivo local logo de non adherirse ao convenio da Axencia Galega de Seguridade
Dende a Xefatura da Policía Local de Mos explican que xa se cubriron 4 prazas mediante procedementos impecables, sen ningún tipo de irregularidade
O pasado 9 de Xaneiro, o Concello de Mos publicou no BOP unha oferta de emprego público para dúas prazas de Policía Local, unha convocatoria que, en opinión do BNG, supón un malgasto innecesario para as arcas municipais.
A Policía Local de Mos, representada polo seu Xefe, Gerardo Álvarez, aclara públicamente a verdade sobre as declaracións do BNG no seu comunicado de prensa, respecto da convocatoria de dúas prazas de policía local no municipio mosense.
O BNG entende, dacordo co principio de eficiencia e racionalización de recursos, que o Concello debería solicitar un convenio de colaboración coa Xunta para traspasar a realización do proceso selectivo á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
O Xefe da Policía Local de Mos, Gerardo Álvarez, aclarou en primeiro lugar que a adhesión ao Convenio coa Axencia Galega de Seguridade Pública é voluntaria, e dende a Policía Local consideraron mellor -tal e como llo recomendaron e solicitaron á Alcaldía- realizar o proceso de selección directamente dende o Concello por dous motivos: o trámite é moito máis rápido e o gasto económico é o mesmo, xa que custa o mesmo o pago ao tribunal de selección que as taxas da Axencia Galega de Seguridade.
Álvarez lamenta que “dende o BNG dean por feito que aquí facemos mal as cousas, cando nunca houbo ningún problema cun ningún proceso de selección e xa se cubriron 4 prazas de policía local mediante procedementos impecables, sen ningún tipo de irregularidade”.
O proceso de selección dos dous axentes realizarase por parte dun tribunal totalmente transparente e será un procedemento supervisado en todo momento pola Polícía Local de Mos.
Sen embargo o BNG mosense insiste en que con este procedemento “Nidia Arévalo e o PP de Mos obrigan ao Concello a asumir un gasto innecesario coas probas de acceso á Policía Local, poñendo ademais en dúbida a transparencia da convocatoria”.
Insisten dende a Policía Local de Mos en que os nacionalistas mosenses en ningún momento iniciaron a proposta nin lle suxeriron á alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o seu interese en asinar o convenio por catro anos coa Axencia Galega de Seguridade; sendo a realizada nos medios de comunicación a primeira manifestación realizada polo BNG a este respecto.
Pola súa banda Arévalo, rexedora local mosense, considera “moi pouco ético por parte dos nacionalistas, que empreguen agora este tema como arma política, sacándoo en prensa e poñendo en entredito aos funcionarios municipais con insinuacións de gran gravidade”. “De novo hai políticos que caen na tentación de facer política a costa dos traballadores municipais, cuestionándoos e perxudicándoos”, declara a alcaldesa.
Por último dende o Corpo de Seguridade Local de Mos puntualizan que non todos os concellos se adhiren ao Convenio coa Axencia Galega senón que, sen ir máis lonxe, o Concello de Pontevedra, no que goberna o BNG, tampouco se adheriu.