A plataforma galega para a valoración da condición física saudable dos escolares -DAFIS- foi a encargada de recoller os datos de 109 centros educativos
A Secretaria Xeral para o Deporte valora esta ferramenta pedagóxica e salienta que o 60% dos escolares teñen niveis de condición física aceptable
No día de hoxe, o director da cátedra SXD Galicia Activa, Dr. Eliseo Iglesias presentou á Secretaria Xeral para ou Deporte, Dna. Marta Míguez Telle os primeiros datos de condición física relacionada coa saúde rexistrados en escolares galegos mediante a plataforma DAFIS.
Esta plataforma de utilidade pedagóxica utilizada nos centros escolares públicos galegos adscritos ao Plan Proxecta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, permite a avaliación da condición física saudable no desenvolvemento da propia materia de Educación Física. Así mesmo, demóstrase a potencialidade da Plataforma galega para a valoración da condición física saudable, no seguimento dos plans de vida activa implantados nestes centros educativos escolares.
Os datos recolleitos en máis de 109 centros ao longo destes 5 anos mostran unha distribución por sexos moi similar á reportada polo Instituto Galego de Estatística para a poboación escolar galega matriculada en centros públicos.
En canto aos datos obtidos, a análise do Índice de Masa Corporal -IMC- reflicte unha prevalencia de escolares en niveis de sobrepeso ou obesidade de en torno ao 38%, o que se axustaría aos resultados epidemiolóxicos publicados por outros organismos.
Finalmente, en torno ao 60% dos escolares mostraron uns niveis de condición física moderado, alto ou moi alto. No caso concreto da condición cardiorrespiratoria, na maioría dos grupos de idade constátase que máis do 50% da mostra superaba o punto de corte identificado na literatura científica como estimador de risco de enfermidade cardiovascular.
Globalmente, constátase a utilidade de DAFIS como instrumento pedagóxico e eficiente desde a perspectiva do seguimento dos niveis de condición física relacionada coa saúde na poboación escolar galega.