Comeza a Programación de Nadal do Concello das Neves, coa apertura da inscrición para o Campamento Infantil, pensado para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral
O Concello das Neves iniciou o prazo para inscribirse no Campamento Ambiental ‘O noso medio’, pensado para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións de Nadal.
O mesmo, que será de balde, abrirase o luns, día 24 de decembro e durará ata o venres 4 de xaneiro de 2019. Poderán participar no mesmo nenas e nenos de entre 4 e 12 anos de idade que poderán participar en diferentes actividades dende as 09.00 h. As inscricións poden facerse xa no enderezo info@faia.gl.
Este campamento forma parte da ‘Programación de Nadal’ impulsada polo Concello das Neves que abrangue, entre outras propostas:
Obradoiro de Decoración de Nadal, para nen@s de 5 a 12 anos, entre o 4 e o 19 de decembro, na Biblioteca Municipal; Concerto Didáctico ‘Dúas picariñas ourensás’, da man de Senén Vaamonde e dous músicos do grupo A Roda, dirixido a país e nais con nenas e nenos a partir de 2 anos de idade, o sábado 22 de decembro ás 18.00 h na Biblioteca Municipal.
‘Concerto de Nadal’ da Banda de Música de Rubiós o domingo día 23, ás 19.00 h no Auditorio Municipal, e ao remate haberá chocolate e Requeixo servido pola Coperativa do Requeixo e Mel das Neves.
6ª Carreira Popular Solidaria do Pavo, o luns, día 24, con saída na Praza Maior, organizada pola ACD Sanomedio; visita do Apalpador e Apalpadora, o venres 28 de decembro ás 12.00 h na Praza do Concello ou, se chove, no Mercado Municipal.
Actuación Infantil ‘María Fumaça’, venres 28 ás 6 da tarde no Auditorio Municipal; o sábado 29 e domingo 30, de 10.00 ás 21.00 h, ‘Mercadiño de Nadal: da man que ti queiras’, na Casa da Xuventude.
Concerto de Ano Novo de Corais, o domingo 30 de decembro, coa Coral Santa María das Neves e o coro invitado Lacedorium de Salvaterra de Miño, ás 18.30 h no Auditorio Municipal con chocolate ao remate xunto con Requeixo e Mel
Cabalgata de Reis, organizada polo Concello, coa colaboración do Voluntariado de As Neves, o sábado 5 de xaneiro de 2019, con saída ás 18.00 h dende a Rotonda do Montesol, con percorrido polo centro da vila e remate no Pavillón Municipal. Haberá obradoiros, inflables, e entrega de agasallos aos máis pequenos.