Redacción 11/12/2018

Con 8.000 € por banda de música o Concello ratifica o compromiso do goberno coa difusión da cultura musical

 

 

O concello de Ponteareas axudará á Banda de Música Xuvenil de Xinzo (BMXX) e á Banda de Música Unión de Guláns nos seus gastos esenciais cunha achega de 8.000 € por banda; para a que asinaron un convenio de colaboración co presidente da BMXX, Francisco Represas, e coa presidenta da Banda de Música Unión de Guláns, Alicia Porto, no propio local de ensaio da banda de Xinzo, convidándoos a repetir esta sinatura no ano 2019 no local da banda de Guláns.

Dada a importancia da actividade didáctica e lectiva que realizan as dúas bandas que contan con escolas de música rexistradas como centros docentes non universitarios da Xunta de Galicia e polo propio traballo da banda, o goberno de Ponteareas reitera o seu apoio contribuíndo na financiación dos gastos da escola e incrementando en dous mil euros máis a partida destinada por banda. 

“Nunca as escolas de música tiveron tanto apoio como neste mandato. Sendo a música unha seña de identidade de Ponteareas, consideramos imprescindible fomentar e colaborar coas entidades que promoven as iniciativas neste senso e que transmiten esta pegada entre a mocidade e a infancia. As bandas de música son un dinamizador non só cultural se non tamén social”, explica o Alcalde, Xosé Represas.

No marco desta colaboración, tanto as bandas como as escolas realizarán diferentes actuacións en iniciativas levadas a cabo polo concello no terreo da música clásica e da cultura.

Dos 6.000 € destinados en 2017 aos 8.000 € destinados por banda en 2018, con este goberno actual as escolas de música e as bandas reciben un apoio estable e maior ca nunca pola súa importante labor didáctica, social, cultural e musical. 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad