Redacción 11/12/2018

Este trámite suponlle á administración local un importante aforro en gastos

 

 

Esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a Directora de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde-Sergas da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, María Jesús Piñeiro Bello, asinaron ante notario en Santiago de Compostela a escritura de cesión do inmoble para o traspaso definitivo do Centro de Saúde de Mos, sito no Rebullón, á administración autonómica.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, estivo acompañada pola concelleira de Política Social, Sara Cebreiro. Tras a sinatura hoxe formaliza a titularidade do Centro de Saúde do Rebullón é definitivamente asumida polo Sergas no que respecta ás competencias económicas.

Dende o ano 2006 hai aprobado pola FEGAMP un convenio de cesión para que todos os Concellos que así o desexen poidan cederlle os seus centros de saúde á administración autonómica e que estes pasen a mans da consellería de Sanidade; tal foi o caso do Concello de Mos.

A titularidade patrimonial do inmoble fóralle xa cedida pola administración local mosense ó ServizoGalego de Saúde a finais do ano 2014, sendo aprobada definitivamente dita cesión na sesión plenaria ordinaria do 27 de novembro, con certificación do acordo do Pleno en data 2 de decembro do devandito ano 2014.

O trámite de recepción definitiva das instalacións sanitarias de atención primaria por parte da administración autonómica formalizouse hoxe coa firma da escritura de cesión do inmoble por parte do Concello ao Sergas.

Tanto Arévalo como Cebreiro destacaron a importancia de que o Sergas se faga cargo do mantemento do Centro de Saúde de Mos, mantemento que ata o de agora recaía sobre o Concello, quen tiña que asumir tódolos gastos derivados do combustible para a calefacción, electricidade, limpeza: tanto no que se refire á compra de productos como persoal adicado ás tarefas de limpeza, etc. A rexedora local e a edil de Política Social maniféstanlle neste senso ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e á Directora de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, a súa gratitude pola colaboración da administración autonómica que deste xeito asume o mantemento do Centro de Saúde que anualmente lle costa ó Concello de Mos unha importante suma económica.

A competencia do mantemento do Centro de Saúde levaba sendo tema de debate dende fai tempo no Concello de Mos, pero agora é xa unha realidade a cesión do inmoble ó Sergas. Cesión coa que a administración local deixa de facer fronte ós gastos derivados do mantemento do Centro de Saúde pasando estes a mans da consellería de Sanidade, que é sobre quen debe recaer a responsabilidade do mesmo, xa que os Centros de Saúde son competencia de Sanidade.

“Oorzamento municipal para o vindeiro ano 2019”, aprobado no Pleno Ordinario do pasado mes de novembro, “xa contempla o gasto cero na partida de Sanidade, motivado pola boa nova da transmisión do Centro de Saúde á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, o que libera dunha importante carga económica ás arcas municipais”; como así o informou nese momento a rexedora local mosense.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad