Alcalde e Tenente de Alcalde reclaman prazos e cifras de investimentos na mellora da seguridade viaria na N-120
O goberno de Ponteareas aclara públicamente que a Consellería de Infraestruturas remitíu onte ao concello o convenio por correo electrónico xusto no momento en que estaban reunidos o alcalde e a tenente de alcalde coa conselleira Ethel Vázquez, notificándolle que non existe constancia no rexistro municipal de entrada de ningún convenio por parte desta consellería.
Nese mesmo intre tamén se lle trasladaba que na reunión mantida en agosto tampouco se lles fixera entrega en man de ningún convenio para a variante, aínda así o goberno de Ponteareas adiantoulle a Ethel Vázquez que o importante é consolidar ese compromiso e non perder o tempo en discusións que deixan en segundo plano o realmente importante: unha solución a un grave problema de seguridade viaria.
Para o goberno de Ponteareas o único que realmente importa son os intereses dos e das veciñas e que os compromisos adquiridos polas administracións se materialicen en feitos. “Hai máis de seis anos que a Xunta e o goberno de Feijóo non inviste en Ponteareas. No 2015 cando o Estado interviña as contas do concello estando no goberno local o PP, Feijoó comprometérase a asumir responsabilidades que estaban sendo soportadas polo concello a pesar de ser impropias para a administración local, como a residencia de maiores ou a escola infantil. A día de hoxe aínda non se materiolizou nin pronunciou ao respecto. Estancados igual que coa variante”.
O alcalde explica que “somos esixentes coa Xunta e con Fomento para que dunha vez por todas se poida asinar este convenio e concretar as inversións, iso é o que lle importa aos veciños e a mín como alcalde e no que debemos centrar os nosos esforzos”.