O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o Centro Cultural do Porriño para felicitar ás 85 mulleres que remataron o curso formativo
O vindeiro curso, 1.800 persoas sen emprego na área territorial de Vigo recibirán asesoramento, formación e prácticas a través destes programas do Goberno galego
No conxunto de Galicia, investiranse preto de 11 millóns de euros na convocatoria do 2018-2019, da que se benefician 58 concellos e 24 entidades
O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, clausurou hoxe o programa integrado de emprego do Porriño, unha iniciativa na que colaboran o Concello e a Xunta, destinada integramente a mulleres no caso deste concello pontevedrés, cun índice de inserción laboral do 40 por cento das 85 alumnas. O obxectivo, apuntou o representante autonómico, é “incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas”.
Neste senso, López-Chaves non desbotou a oportunidade de salientar o esforzo do Goberno galego en materia de formación e orientación laboral, “unha prioridade –dixo- para Administración autonómica que vese reflectida nas crecentes políticas activas de emprego”. Citou así os obradoiros de emprego, o plan galego de formación e os programas integrados de emprego, entre os plans que están a acadar maior éxito.
No conxunto de Galicia, a Xunta desenvolverá na convocatoria 2018-2019 un total de 48 programas integrados que, cun investimento próximo aos 11 millóns de euros, chegarán a 4.800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.
No que atinxe á área territorial de Vigo, un total de 1.800 persoas desempregadas recibirán asesoramento, formación e prácticas ao abeiro destes programas, dos que se benefician cinco concellos (Moaña, Mos, Redondela, Vigo e Cangas) e 13 entidades.
Tras agradecer a implicación do Concello do Porriño, López-Chaves apuntou que é necesario deseñar programas formativos que se axusten á realidade económica e social de Galicia, o que se está a favorecer a través de iniciativas impulsadas pola Xunta como os cursos de formación para desempregados, a formación á porta ou os obradoiros duais, que se activaron este ano por primeira vez. Unhas actuacións que están contribuíndo á hora de consolidar a recuperación no terreo laboral, e que fan posible que Galicia conte cunha taxa de paro do 12,24%, o que supón 2,25 puntos menos que hai un ano. Para seguir avanzando neste camiño, o ano que vén a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 145 millóns de euros á formación.