Mulleres con discapacidade intelectual reclaman os seus dereitos nestas xornadas
A Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, e a vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Carmela González Lagarón, inauguraron esta mañá a Xornada “Míranos, escóitanos, apóianos” un espazo dedicado a falar e pensar sobre a muller con discapacidade intelectual e o seu papel na sociedade, no mercado laboral, na educación e mesmo na familia.
A Valedora do Pobo destacou na súa intervención “a necesidade de xornadas como esta. As mulleres con discapacidade intelectual tedes que ser valentes e estar orgullosas de ser tal e como sodes. Quero pedirvos dende aquí, que traballedes polo que queredes e que vos atrevades a soñar e a chegar todo o lonxe que poidades. Aos homes, pedirvos, respecto, compañerismo, afecto… non se trata de protexer, trátase de comprender e de remar todos xuntos nunha mesma dirección”.
A Valedora tamen criticou o tratamento que se fai da discapacidade por parte da sociedade pois “ás veces se fala de discapacidade, pero a miúdo, a discapacitada é a sociedade: porque non ten capacidade de escoitar, de entender, de abrazar,… non ten as capacidades que moitas das persoas que logo chaman “discapacitadas” en cambio regalan cada día”.
Pola súa parte, a vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Camela González, quixo facer fincapé na necesidade de que “os axentes políticos, coñezan a vosa realidade, pois son eles quenes teñen a responsabilidade de evitar as desigualdades e a exclusión social. A pesar dos logros e avances obtidos nos últimos anos, este tipo de discriminación segue representando un problema grave e alarmante. Exemplo diso é que as mulleres con discapacidade intelectual, presentan cotas maiores de desemprego, salarios inferiores, escaso ou nulo acceso aos programas e servizos dirixidos a mulleres, maior risco de padecer situacións de violencia e abusos… e un longo etcétera que non podemos seguir tolerando.”
A xornada tamén acolleu a presentación da campaña “Míranos, escóitanos, apóianos” unha serie de vídeos protagonizados por mulleres con discapacidade intelectual membros da Asociación Juan XXIII así como por usuarias do Servizo de Emprego da federación, que abordan diferentes situacións de abuso, maltrato, discriminación e perda de dereitos, vídeos que xa se poden atopar dispoñibles a través da web e redes sociais da Federación.