Ante as últimas novas respecto á situación da Alcaldesa do Porriño, EU-SON lanza o seguinte comunicado
“No pleno municipal celebrado esta semana deixamos clara a nosa postura con relación á xestión da Alcaldesa despois de incumpridos cada un dos compromisos co noso grupo político: das mocións aprobadas en pleno para a regulación dos contratos menores, da transparencia, da democratización do Concello e dos acordos asinados para a aprobación dos orzamentos.
Ademais dunha continuada falta de diálogo cos grupos da oposición. Na xestión económica, o que debían ser actuacións excepcionais, foron converténdose en hábito e sinal de identidade do facer deste goberno municipal: continuos créditos extraordinarios, falta de transparencia e rigor na contratos, moitos deles feitos de palabra, sen libre concorrencia nin publicidade.
Procuramos ata o de agora apoiar, polo ben común do Porriño, a aprobación dos orzamentos, consensuar e acadar acordos.
Ata aquí chegamos, non imos continuar apoiando co noso voto unha situación que está a supoñer o contrario do que nós entendemos que debe ser a xestión económica dun Concello: a economía ao servizo das veciñas e veciños do Porriño, coa participación de todas as empresas e sempre de xeito transparente e fiscalizado.
A Alcaldesa ten que asumir a súa responsabilidade ante unha situación de caos, parálise e continuas irregularidades no funcionamento do Concello, constatadas e argumentadas en informes da Interventora, e polas consecuencias que isto acarrexa na vida dos veciños e veciñas e os prexuízos a moitas pequenas empresas e autónomos da contorna. O que podería ser e é un Concello saneado economicamente e sen débeda converteuse nun concello que non pode cumprir o teito de gasto, que ten que recorrer a procedementos excepcionais, que non consegue regular servizos básicos ou reverter o diñeiro que ten en beneficio da veciñanza do Porriño.
Con relación á nova do xuízo por falsidade documental, coñecido nestes días, a nosa formación considera, pois así o acordamos onte por unanimidade, que se trata dunha situación absolutamente rexeitable e que fala da súa falta de consideración e respecto cara aos porriñeses e porriñesas e mesmo ás institucións: a Alcaldesa pediu a baixa temporal na súa organización para non prexudical,a pero non deixa o seu cargo á espera dunha sentenza, deixando constancia de que considera máis digno de protección o seu partido que o noso Concello.
A situación da Alcaldesa é unha cuestión interna da súa organización pero non compartimos que non se queira danar ao partido pero non se vexa o dano que a xestión da Alcaldesa está a facer ao Concello do Porriño.
Reafirmámonos no pedido no Pleno, a Alcaldesa ten que deixar o seu cargo por unha lexislatura perdida para @s veciñ@s do Porriño e por unhas actuacións ás que hai que poñer fin xa”.