Increméntase nun 20% as horas de Servizo de Axuda no Fogar e completaranse os recursos de atención á primeira infancia e conciliación coa próxima apertura da nova escola infantil do polígono da Veigadaña
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a aposta da Xunta por avanzar nos coidados ás persoas maiores a través de prestacións como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e unidades especializadas na atención do alzhéimer no concello de Mos. Fíxoo tras a xuntanza que mantivo esta mañá coa alcaldesa deste municipio, Nidia Arévalo, e que serviu para repasar os recursos e programas que este departamento autonómico ten en funcionamento nesta localidade pontevedresa.
En concreto, Fabiola García resaltou o incremento nun 20% das horas de axuda a domicilio postas a disposición do concello no último ano, o que eleva o total de horas anuais habilitadas ata as 59.500. Con esta medida, a Xunta está a poñer os recursos necesarios para que os maiores que así o prefiren poidan seguir vivindo nas súas casas e coas súas familias. Nesta liña, apuntou que Galicia seguirá sendo unha referencia en coidados no fogar. De feito, nos últimos meses incrementáronse 1,5 millóns de horas de SAF, unha prestación da que na actualidade se benefician máis de 22.600 persoas dependentes.
Outro dos asuntos abordados durante a entrevista foi o da atención á primeira infancia. Ao respecto, Fabiola García indicou que coa próxima entrada en funcionamento da nova escola infantil no polígono da Veigadaña o concello ampliará ata as 190 as prazas públicas de 0 a 3 anos que ten a disposición das familias, distribuídas en tres centros. Esta ampla oferta responde ao obxectivo da Consellería de garantir unha educación infantil de calidade con independencia dos recursos dos que dispoñan os pais ou do lugar onde vivan.
Neste sentido, a conselleira subliñou a importancia que teñen as políticas de apoio ás familias, aos menores e á conciliación nos novos orzamentos de 2019. Así, as partidas destinadas a esta finalidade medran un 8% en comparación co presente exercicio ata acadar os 143 millóns de euros, o triplo do que se dedicaba a este obxectivo fai nove anos.