Traballadores dos puntos de atención continuada de distintos municipios pontevedreses reclaman dereitos e poñen de manifesto os abusos do Sergas
Con data do 30 de Outubro do ano en curso publícase nun diario de gran tirada que na área de Vigo a seguinte nova: “O Sergas pide médicos voluntarios para as urxencias extrahospitalarias”. Non é unha situación nova nin inesperada e parece que, por fin, a Consellería propuxo acabar con ela ofrecendo traballo a gardas de modo voluntario a uns traballadores xa de por si saturad@s e esgotad@s. Iso si, como se puntualiza na propia nova, “o servizo sería retribuído”. Esta obviedade quizais ven a conto porque alguén esqueceu, sen dúbida, que traballar a cambio de nada no noso caso e en moitos outros é unha labor que se adoita realizar a través das ONG, e que non está recollida como tal en ningún dos nosos contratos actuais. Realizamos un labor no que a vocación xoga un papel moi importante. Sen vocación non poderíamos sacar todo este traballo adiante, pero lamentablemente só a vocación non nos dá de comer nin paga as nosas facturas. A todo chegaremos.
Mentres esta oferta de voluntariedade se resolve, mentres o Sergas agarda que uns traballadores exhaust@s poñan o seu tempo, o seu traballo e en definitiva a súa vida ao servizo do sistema a cambio dun salario pequeno e cunhas condicións laborais extremas pola súa dureza, séguense a producir descubertos nos servizos que é necesario solucionar. Advírtennos de que un 15% do cadro de persoal está en situación de incapacidade temporal e non sería estraño pensar que nos próximos días esta proporción puidera aumentar pola presión á que a EOXI de Vigo está sometendo os seus traballadores/as.
Na práctica suspendéronse case todos os permisos. Como médic@ de familia e traballador nun PAC da área é moi difícil poder acollerse a una redución de xornada por coidado de fillo@ a cargo ou persoa dependente. É unha lotería poder gozar dun día de libre disposición aos que por lei temos dereito. É un senvivir planificar unha viaxe en vacacións porque quizais a última hora aparezan como “denegadas”. A última volta de torca é a de obrigar os facultativ@s a realizar xornadas de 17 ou 24 horas nos seus períodos de descanso e avisando con moi pouco tempo de antelación. Esta semana unha compañeira con dous fill@s menores a cargo viuse obrigada “por necesidades do servizo” a realizar una xornada de 65 horas nunha semana, a maioría delas en tramo nocturno e festivo. Sen posibilidade de réplica. Sen planificación previa. E non é unha excepción, desgraciadamente é a tónica das últimas semanas. Obrigad@s a traballar sobrepasados de horas, extenuad@s, cunha responsabilidade tremenda en dispositivos que soportan una presión asistencial que supera con moito o razoábel.
O Sergas busca médic@s voluntari@s para o PAC á vez que maltrata os pouc@s que aínda ten: soldos conxelados desde o ano 2010, cómputo horario que obriga a “recuperar” parte das horas que non se traballaron por estar de baixa, dietas insuficientes para comer ou cear durante una garda, uniformes inadecuados, posibilidade de aumento de xornada en calquera momento e unha negociación de 10 meses coa Consellería para resolver estes puntos que, por estéril, desenvocou nunha folga. Mentres tanto, despreza absolutamente a labor, tempo de descanso e vida familiar dos seus traballadores, o que inflúe directa e negativamente na calidade da asistencia: desprezando aos traballadores/as dos PAC o Sergas está a desprezar o usuario@ destes servizos.
Os traballadores dos PAC aínda estamos dispost@s a negociar. Podemos aportar ideas e temos vontade de arranxar a situación dunha maneira sensata, deixando de lado a improvisación, as imposicións e retomando a vía do respecto e do diálogo. Agardamos que cando isto suceda non sexa demasiado tarde. O inverno só acaba de comezar e habitualmente en Galiza adoita ser moi duro.