A área de lecer foi demandada polos veciños da zona e dende mediados de novembro contará cun parque infantil totalmente adaptado á normativa vixente en seguridade de áreas de xogo infantís
O pasado luns comezaron os traballos de instalación do novo parque infantil no Campo da Feira en Puxeiros, parroquia de Tameiga. Así o informou a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen anunciou tamén que a área de lecer atoparase rematada durante a primeira quincena de novembro.
Arévalo lamenta a desafortunada intervención do grupo municipal GañaMos neste senso durante o apartado de Rogos e Preguntas do Pleno celebrado o pasado luns, no que pedían que o novo parque de Puxeiros fose doutro tipo e non un área de lecer infantil, ao existir unha do outro lado da rúa. Pois ben, rexedora local destaca sobre este tema “o habitual descoñecemento dos señores de GañaMos e o pouco contacto e diálogo que manteñen coa veciñanza, xa que foron os propios habitantes da zona, tanto a Asociación de Veciños A Portela como os veciños de Puxeiros, os que solicitaron trasladar o actual parque infantil ao Campo da Feira porque a ubicación do existente é incómoda e sombría; e, posto que se trata dun parque xa con certa antigüidade, dende o Concello decidimos instalar un novo no Campo da Feira, en lugar de trasladar o que xa había”. “Señores de GañaMos, infórmense e estean cos veciños para poder falar con propiedade, porque deste xeito o único que conseguen é quedar en ridículo”, sentenciou a alcaldesa.
O importe total deste proxecto ascende a 49.961,47 € que está subvencionado nun 60% (29.976,88 €) pola Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, ao abeiro da liña de axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e quipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2018.
Con este parque dáse continuidade á mellora integral da zona de Puxeiros que se está a promover dende o Concello de Mos e que recentemente se viu reflectida na obra de humanización da Avenida de Puxeiros.
A zona de Puxeiros, na parroquia de Tameiga, actualmente carece dunha área que acolla ó gran gran número de nenos que hai na contorna. Polo tanto, dende o concello búscase ofertar estes servizos aos veciños do lugar coa creación dun novo parque infantil nunha zona que actualmente está infrautilizada.
A obra contempla os traballos necesarios para a creación dun parque infantil, elemento de interese público que se instalará nun parque público de titularidade municipal, que se atopa situado nun entorno moi poboado, o que supón unha vantaxe. Ao tratarse dunha zona moi transitada resulta excelente a instalación dunha área de lecer na mesma.
“Resulta interesante e necesaria a actuación porque a parcela municipal na que se pretende actuar co presente proxecto está nun ámbito moi transitado polos veciños e supón unha actuación de recuperación e posta en valor. Na actuación promóvese a recuperación do espazo centrándose na instalación dun parque con temática de esparcemento e xogo dos nenos/as coa idea de que, unha vez creado o parque, nun futuro, realizaranse actividades no entorno”, explicou Arévalo, rexedora local .
A proposta encaixa ambientalmente co entorno e pon en valor a parcela municipal. O que se pretende con esta actuación é a revitalización desta zona verde e atender á demanda veciñal de dotala cun maior valor lúdico.
As obras consistirán na adecuación do terreo para obter as sub-bases necesarias para garanti-la estabilidade do firme. Para o cal é necesario o desbroce e nivelación da superficie afectada (12x20m), así como o aporte de xabre compactado. Vertido e nivelación da soleira de formigón dun espesor de 10 cm. Acondicionamento da superficie coa instalación de pavimento de caucho continuo en aqueles elementos de xogo que teñan unha altura de caída igual ou superior a 1 m e céspede artificial antiestático no resto da zona.
Posteriormente procederase á instalación dos elementos de xogo que comporán o parque infantil, sendo o reto principal no deseño desta área a temática do esparcemento.
Os elementos a instalar son un pórtico de columpio de metal dobre con asento plano e cuna, un pórtico de columpio de metal con asento tipo cesta, un xogo xiratorio cun asento adaptado a nenos con discapacidade, un equipo combinado de dúas torres con acceso por escada metálica, paredes de escalada e rede vertical de corda, comunicadas por unha ponte fixa e saída por tobogán; un xogo de muelle individual, un xogo de muelle para dous e un balancín para dous usuarios.
Quedando desta forma un parque infantil totalmente adaptado á normativa vixente en seguridade de áreas de xogo infantís.
Tamén se contempla á hora de deseñar a área de xogos a inclusión de tódolos nenos, independientemente das posible minusvalías que poidan sufrir, conseguindo deste xeito que tódolos nenos se integren totalmente no xogo e que poidan acceder facilmente ás instalacións, tanto os nenos como os pais ou acompañantes.
A obra rematarase coa instalación da valla perimetral de cerramento de seguridade. E por último a instalación do cartel informativo e dun valo de madeira tratada en todo o perímetro. Toda a instalación do parque terá as medidas de seguridade e saúde segundo a normativa vixente, así como o respecto ao medio ambiente.