Redacción 01/11/2018

A Concellería de Ensino desenvolve este programa nos centros de secundaria co obxectivo de mellorar a autoestima e as relacións cos demais

 

A concellería de Ensino e Participación Cidadá que dirixe Cristina Fernández introduce nos centros escolares de secundaria un programa sobre intelixencia emocional que ofrecerá tres sesións de intervención psicoeducativa nos cinco centros ponteareáns con ensinanzas de secundaria.

Este proxecto, que ven de comezar no mes de outubro, prolongarase ata o mes de febreiro no que o día 20 haberá unha sesión para nais e pais do alumnado participante pechando así o ciclo formativo.

O programa de intelixencia emocional pretende que o alumnado acade un autoconcepto positivo que mellorará a súa relación co resto das persoas completando o proxecto “Entre Nós” implantado pola Concellería de Ensino en tódolos centros secundarios.

Trátase agora de formar e informar, nas sesións traballarase a autoestima, a empatía co resto da comunidade, as formas e a linguaxe empregada de maneira adecuada para evitar conflitos innecesarios e porase en valor o poder do afecto e respecto.

Cristina Fernández explica “a importancia de traballar na etapa da preadolescencia e adolescencia transmitindo a idea de que de nada serve unha boa formación académica se non saben estar coa persoa que teñen en fronte. Ter en conta ao interlocutor, axeitar as formas da linguaxe, evitar conflitos… Partimos da idea de que un autoconcepto (o que penso de min mesmo) positivo desenvolve unha autoestima adecuada, e isto da como resultado unha personalidade férrea e forte que saberá xestionar no proceso de toma de decisións, e por tanto, saberá dicir “NON” de xeito correcto en diferentes camiños escabrosos que nos poida propoñer a vida.”

Unha coordinadora de Intervención Psicoeducativa do “Centro de Estudos-Gabinete Tempos” en Ponteareas con experiencia na área de conduta e comportamento en adolescentes; ademáis de atención a alumnos con NEE (Necesidades Educativas Especiais), TDAH e Dislexia será a encargada de traballar nos centros educativos aportando a súa experiencia profesional no proceso de intervención psicolóxica dende o enfoque cognitivo-conductual.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad