O deputado Carlos Font subliñou o importante financiamento que este ano supuxo o Plan da Deputación para Mos “máis de 1,6 millóns de €, un 76% máis que en 2017”
Con este último investimento Mos poderá financiar importantes melloras de seguridade viaria no municipio
O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou onte de que o goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres, en Xunta de Goberno, o financiamento para dúas novas obras no concello de Mos por un importe total de 1.348.730,47 €; obras coas que o municipio pecha o Plan Concellos deste ano 2018 a través do que o goberno provincial destinoulle 1.655.652,94 €, un 76,27 % máis que en 2017.
Con este último investimento do próximo venres, apróbanse 844.176,19 € para financiar melloras de seguridade viaria nas parroquias de Torroso, Cela e Tameiga.
Na parroquia de Torroso actuarase na estrada de Adrovello, un viaria que comunica o núcleo urbano das Pozas e o núcleo rural de Seixabre. É unha estrada moi transitada por peóns, pero carece de itinerarios peonís seguros, edispón dunha anchura moi reducida.
En canto á parroquia de Cela actuarase na estrada Generoso Domínguez, entre a PO-331 e o entorno parroquial de San Pedro de Cela, un vial transitado por vehículos e peóns carente de beirarrúas no que vaise humanizar o entorno, deseño dunha nova iluminación, mellora do drenaxe e mellora da sinalización e colocación de redutores físicos de velocidade.
Por último, na parroquia de Tameiga crearase un novo itinerario peonil seguro que da continuidade ao existente na estrada Tameiga-Pereiras, ao oeste, e chega á Ermida de San Eleuterio, onde continúa polo Camiño da Levantada ata a vía de servicio da autovía A-55.
Ademais, tamén o venres aprobarase un segundo investimento de máis de medio millón de euros -504.554,28- para obras en 15 camiños municipais co fin de dar solución ao mal estado da capa de rodadura e ao firme.
Este ano, ao través da Liña 1 do Plan Concellos, Mos tamén contou co financiamento do proxecto do parque acuático en Pesqueira, xunto ao paseo do Louro por importe de 120.0000 €.
Respecto á Liña 2 o concello recibiu 91.765,95 € para o servizo público de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e para limpeza viaria. Por último, coa Liña 3, o goberno municipal de Mos recibiu 93.968,14 € para financiar este ano a contratación de 8 traballadores ou traballadoras: 1 oficial de xardinería, 4 operarios conservadores de parques e xardíns e 3 peóns de obra.