O trazado -financiado pola Xunta de Galicia- sumará 3.359 m e rematará enlazando coa senda fluvial que executa nestes intres o Concello de Salvaterra e que unirá co termo municipal de Tui
O Concello de Salvaterra de Miño aprobou no Pleno da Corporación o proxecto de creación dunha senda fluvial polo Río Caselas entre Cabreira e Arantei, cun trazado adaptado ao dominio público hidráulico.
O obxecto deste proxecto é o de recuperar e protexer as marxes do entorno natural do río Caselas, mediante a consolidación dunha senda natural da ribeira que permita a recuperación da servidume de tránsito e a limpeza das marxes, establecendo as condicións adecuadas que permitan o disfrute do medio fluvial pola poboación.
O trazado desta senda está adaptado ao Dominio Público Hidráulico, e sumará un total de 3.359 m, dividida en 7 tramos.
Esta obra conta con un importe de 497.263,46 € e será realizada e financiada pola Xunta de Galicia, e permitirá a súa vez enlazar esta senda con outra prolongándose polo Río Miño, a través da senda fluvial que se está executando neste momento por parte do Concello de Salvaterra e que se unirá ata o termo municipal de Tui. O Concello aportará os terreos para a realización da obra.
Esta actuación enmárcase dentro da campaña de posta en valor do patrimonio natural que está levando a cabo o Concello de Salvaterra de Miño, por un lado coa creación de sendas verdes polos seus ríos (Mendo, Tea, Miño e Caselas) que atravesan as parroquias de Oleiros, Fiolledo, Corzáns, Leirado, Fornelos, Pesqueiras, Salvaterra, Arantei e Cabreira e por outra con ese coidado especial das zonas verdes do municipio, que ten como eixo central O Parque Público A Canuda. Somos o Concello, dentro da nosa categoría, con mais km de paseos e zonas verdes.