Dende este martes 16 de outubro o edil -responsable das áreas de Réxime Interior, Economía, Facenda, Persoal, Tráfico e Seguridade do Concello de Salceda de Caselas- deixa a súa adicación aos mesmos
José Luis González, que ata o de agora viña exercendo como concelleiro nas áreas de Réxime Interior, Economía, Facenda, Persoal, Tráfico e Seguridade, deixará de exercer ditas función a partires deste martes 16 de outubro, aínda que seguirá ostentando o seu cargo de concelleiro, agora xa sen áreas ao seu cargo.
O cambio prodúcese por motivos laborais, xa que o concelleiro foi reclamado pola súa empresa, da que está en excedencia, para ser reincorporado ao seu posto polo incremento da carga de traballo. A partir de entón, o bloque de áreas que xestionaba José Luis González, pasarán a estar en mans da tenente alcalde Loli Castiñeira, que engadirá estas áreas ás que ata o de agora viña xa xestionando -Comercio, Turismo, Sanidade, Consumo, Formación, Emprego e Parques e Xardíns-. No caso de José Luis, seguirá a exercer o seu papel de portavoz de Movemento Salceda, e seguirá a formar parte da Xunta de Goberno Local.
Con este cambio o equipo de goberno afronta a última recta da lexislatura con forza e ilusión, con moitos proxectos en marcha e con novas ideas para levar a cabo próximamente.
Jose Luis González expón, “motivos laborais fanme pasar a un segundo plano neste proxecto apaixoante ao que tanto tempo lle levamos adicado. Os veciños e veciñas de Salceda poden estar seguros que seguirán a contar co meu traballo e implicación, tal e como lle teño trasladado tamén aos meus compañeiros e compañeiras do grupo de goberno”.
O alcalde de Salceda, Marcos Besada, agradeceu o traballo realizado por Jose Luis González ao fronte dunhas áreas nada sinxelas de xestionar ao longo destes case 8 anos,
desexándolle moitos éxitos na súa vida laboral privada á que agora se reincorpora. “Agradezo os servizos prestados no proxecto de cambio e transformación de Salceda, sempre dende o
principio da responsabilidade, responsabilidade que demostra e que asume tamén agora coa súa empresa”.
A Tte. Alcalde, Loli Castiñeira, asumindo a xestión das novas áreas “afronto este novo reto con ilusión e con moitas ganas. Hai temas importantes en marcha nestes momentos aos que haberá que dar unha saída definitiva, e así me propoño facelo. Non é doado facerse cargo de novas áreas a estas alturas de lexislatura, pero entre todo o equipo de goberno seguiremos a traballar arreo, pola Salceda que tanto queremos”.