A Deputación de Pontevedra da luz verde a este proxecto no que foi centro neurálxico e histórico da vila
A Deputación de Pontevedra ven de anunciar a aprobación da subvención do “Proxecto de Urbanización do antigo Campo da Feira Devesa no Concello de Salceda de Caselas” que a Administración local solicitou ao abeiro do Plan de Remodelación e Mellora da seguridade dos viarios municipais (DEPO-REMSE). O proxecto conta cun orzamento de 521.070,99 €, dos cales a Deputación asumirá 468.963,89 €.
O proxecto estivera xa comprometido nos Orzamentos do Estado de 2011, e parcialmente tamén nos do 2012. Sen embargo, o Goberno de Mariano Rajoy non cumpliu co recollido nos Orzamentos, deixando o proxecto sen executar, a pesares de ter remitida toda a documentación que daquela se lle solicitara ao Concello.
Na obra contémplase un espazo para a parada do transporte público, un espazo propio para o Centro de Servizos Sociais, unha área de xogos infantís, zonas verdes, renovación das redes soterradas dos servizos, novo alumeado e diverso mobiliario urbano. A Praza da Devesa foi o centro neurálxico e histórico da vila, polo que o Equipo de Goberno considera primordial a recuperación e posta en valor deste espazo.
Dentro dos obxetivos que se pretenden conseguir con esta liña de subvencións, está fomentar a mobilidade sustentable, de maneira que se priorice a seguridade e a mobilidade peonil; a remodelación das rúas e viarios, a fin de facilitar a comunicación entre os espazos de emprego e dotacionais de uso social, sanitario ou educativo; así como para mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico tanto peonil como rodado, obxetivo co que este proxecto cumpre e que se recolle tamén no Plan de Mobilidade Sustentable de Salceda.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, definiu o proxecto como “a creación dun novo espazo de 4000m2 que mellorará a paisaxe urbana da vila, revitalizando tamén as rúas contiguas, nunha zona actualmente pouco atractiva. Seguimos dando pasos na recuperación da nosa vila para as persoas, con especial coidado nos colectivos mais sensibles como os da infancia, a terceira idade, ou as persoas con discapacidade”.