Redacción 12/09/2018

A partir do luns estes dous profesionais expertos en plans urbanísticos sumaranse ao asistente social e ao aparellador da Deputación de Pontevedra que seguen a prestar os seus servizos no concello tudense

 

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra vén de rematar o proceso para a contratación de dúas persoas arquitectas para o concello de Tui que se incorporarán aos traballos en prol das persoas afectadas pola traxedia de Paramos. Deste xeito, tal e como xa adiantara a presidenta, Carmela Silva, as dúas persoas arquitectas seleccionadas comezarán xa a traballar no concello tudense a partir do vindeiro luns.

Tal e como se comprometeu co concello e coas persoas afectadas, o goberno da Deputación iniciou a contratación directa a través do servizo público de emprego, ao que se presentaron once profesionais, e que resultou coa selección dunha arquitecta e dun arquitecto, ambos os dous con acreditada experiencia en plans urbanísticos. Nos dous casos, as persoas contratadas reflicten nos seus currículo traballos de planeamento urbanístico e plans de desenvolvemento, así como proxectos de urbanización, execución e dirección de obra, asistencias técnicas, elaboración de instrumentos de ordenación territorial.

Esta contratación é un paso máis dos moitos realizados polo goberno de Carmela Silva dende a explosión da pirotecnia en Paramos, Tui. Desde o primeiro momento a Deputación de Pontevedra puxo a disposición do concello a cinco asistentes sociais, dous xuristas, un arquitecto e un economista para asesorar e axudar ás persoas afectadas e ao propio concello.

Amais, tanto deputadas e deputadas como persoal directivo da institución provincial estivo a disposición do goberno municipal, asistindo a reunións e propondo xestións ao concello. Na actualidade, dous días á semana acoden ata Tui un asistente social e un aparellador, atendendo á demanda e necesidade formulada polo propio concello de Tui.

A este equipo, cuxo financiamento cobre na súa totalidade a Deputación de Pontevedra (incluíndo desprazamentos e dietas) vanse sumar, a partir do vindeiro luns, as dúas novas persoas arquitectas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad