“A obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural”
O Pleno do Concello de Salceda de Caselas aprobou, cos votos a favor de Movemento Salceda e do PSOE e coa abstención do Partido Popular, a moción presentada polo grupo de goberno en apoio ás reivindicacións que dende fai meses veñen mantendo os empregados e empregadas da CRTVG e de CRTVE-Galicia na defensa duns medios de comunicación públicos imparciais e transparentes, e en contra da manipulación informativa. Lamentan dende o equipo de goberno que o PP non quixese unirse á moción e que polo tanto non puidese ser aprobada de xeito unánime.
Un dos pasos máis recentes, e que por vez primeira organizan conxuntamente os comités de empresa da CRTVG e de CRTVE-Galicia, é a convocatoria da manifestación pola dignidade dos medios públicos de comunicación o vindeiro 8 de setembro en Compostela, que suporá un acto de reivindicación conxunto dos empregados e empregadas de ámbalas dúas entidades, e que percorrerá o camiño entre as sedes dos dous medios en San Marcos ata rematar na Praza das Praterías, que dará sen dúbida unha maior visibilación ás protestas e reclamacións dos e das progfesionais que forman ámbolos dous medios. A moción aprobada polo Pleno de Salceda de Caselas recolle tamén o apoio a dita manifestación, na que por parte do Goberno Municipal participarán o Alcalde Marcos Besada e a Tenente de Alcalde, Loli Castiñeira.
No ano 2011 aprobouse a Lei 9/2011, de 9 de novembro dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para garantir, entre outras cousas, a pluralidade obxectividade dos medios audiovisuais en Galicia. A lei recolle no seu artigo 4 “A obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural” para a CRTVG, así como “a creación dun consello de informativos como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, co fin de velar pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles” no artigo 36.
Sen embargo, sete anos despois a realidade é ben diferente, e o pasado 31 de maio os profesionais da radio e televisón pública galega, deciden unirse ás protestas que xa viñan
mantendo en CRTVE a través dos denominados “Venres negros”, manifestando a súa disconformidade co control gobernamental da Televisión de Galicia e da Radio Galega. A plataforma “Defende a galega”, creada no marco destas protestas ven defendendo dende entón a súa imparcialidade política, e o seu único interese en reivindicar uns medios públicos que só defendan aos galegos e galegas, destacando como principal demanda a creación do Consello de Informativos que establece a lei, e que nunca chegou a ser posto en funcionamento, como unha ferramenta fundamental que garanta o traballo independente dos e das profesionais que traballan na TVG e na RG.
Por outra banda, inciden os traballadores e as traballadoras no risco real de desmantelamento da entidade pública, tal e como ven acontecendo co peche das delegacións da TVG existentes ata fai poucos anos, coa eliminación das desconexións da Radio Galega e do Diario Cultural e co cada vez máis crecente esmorecemento da producción propia.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O Concello de Salceda, como non podía ser doutro xeito, únese ás reivindicacións por uns medios públicos plurais e libres de manipulación. O dereito á información é un dereito fundamental que debemos defender por enriba de calquera tipo de interese político, polo que non podemos permitir a censura nin ningún tipo de distorsión nos mesmos, máxime cando estamos a falar dos medios públicos que pagamos entre todos e todas”.