O custe da ración será de 8 € e inclúe a ración de callos, o pan, o viño ou auga, a cazola e a taza conmemorativas desta edición
A Praza do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición da Festa dos Callos de Salceda, a número vinte e seis. A alcaldesa accidental, Loli Castiñeira, e a Concelleira de Cultura, Teresa Pérez, estiveron acompañadas polo alma mater da festa, Alejandro Alonso; Fernando Córdoba, Director da unidade de negocio de Coren e por Fernando Carrera, Xefe de ventas do departamento comercial de viños de DISGOBE.
A Concelleira de Cultura salientou a ampla programación complementaria para celebrar a festa, que se vai extender ao longo da fin de semana con actividades dirixidas a tódolos públicos, o sábado e o domingo. Na xornada do sábado poderase asistir ao espectáculo “Concerto singular” que o grupo Píscore xunto coa Banda Cultural de Salceda ofrecerán no Auditorio Municipal, antes de dar paso á XII edición do Serán dos Callos na Praza do Concello.
No tocante á xornada principal do domingo, Josito Porto e Victor Mosquera serán os encargados de dar o pregón da festa. Xa pola tarde Josito e Victor (Mofa e Befa) ofrecerán o seu espectáculo “Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira” no Auditorio Municipal.
A Concelleira salientou que, unha vez máis, serviranse callos sen gluten, polo que tamén os celíacos se poden achegar tranquilamente á degustación de callos.
Por parte de Frigolouro, os seus representantes agradeceron ao Concello de Salceda que contase con eles unha vez máis, garantizando a existencia de callos para todos aqueles e aquelas que se queiran achegar a degustalos, dende as 9:30 ata as 16:00 h aproximadamente. Este ano o viño elexido foi un un tinto Via Imperial da Ribeira Sacra das bodegas Regina Viarum. As racións poderanse degustar polo prezo de 8 €, nos que se inclúe a ración de callos, o pan, o viño ou auga, a cazola e a taza conmemorativas. Asímesmo, poderanse adquirir as racións de callos para levar ao prezo de 6 €.
Loli Castiñeira, alcaldesa accicental salientou o realce que se lle leva dado á festa nos últimos anos, no que se refire a todo o que rodea a festa, que non se queda nun simple xantar, senon que vai moito máis alá cunha ampla oferta cultural e turística que serve de aliciente a moitas persoas de Salceda e dos arredores. Así mesmo, fixo mención especial ao dispositivo de seguridade e organización previsto, con participación de máis de 50 persoas voluntarias, ademáis do persoal municipal e os corpos de Policía Local e Protección Civil. En palabras da Concelleira “estamos preparados para acoller aos milleiros de persoas que se achegarán o domingo a Salceda”.