Co obxectivo de remodelar unha contorna urbana hoxe en día deteriorada, o proxecto xa foi presentado na Xunta de Galicia
O Equipo de Goberno do Concello de Salceda ven de facer público o proxecto de humanización da Avenida de Galicia, entre o enlace da PO-510 e a intersección coa PO-2505 xunto ao Parque da Gándara, incluíndo a mellora da conexión do vial co mencionado parque e, polo tanto, coas piscinas municipais. O proxecto preséntase dentro do Plan de Mobilidade que o Concello está a elaborar e que ven a redeseñar gran parte do tecido urbano da vila, favorecendo os modos de accesibilidade non motorizados (tráfico peonil e de bicicletas), e ordenando de forma clara as circulacións e os usos de estacionamento no casco urbano. Unha vez que se confirmou a inminente execución do proxecto de mellora da estrada da Gándara ata o inicio da Senda Francisco Estévez, esta obra suporá completar a actuación de humanización e mellora desta entrada da vila.
O proxecto de humanización preséntase cun obxectivo claro de remodelar unha contorna urbana hoxe en día deteriorada, potenciando os usos peonís e as zonas verdes dentro deste espazo urbano, e maximizando ao mesmo tempo a seguridade vial. Proponse abrir o Parque da Gándara cara o vieiro urbano, creando unha zona de prioridade peonil entre o mencionado parque e o Campo de Fútbol Municipal da Gándara. Establécese ademais como prioritaria a eliminación das barreiras arquitectónicas na zona, continuando co traballo xa desenrolado ata o de agora noutras zonas do casco urbano.
A reforma conta con un orzamento de 209.484,46 €, para o cal o Equipo de Goberno traballa xa sobre distintas liñas de financiamento para poder acometer a mellora no menor prazo de tempo posible. A proposta foi presentada o pasado 14 de marzo na xuntanza que o Alcalde, Marcos Besada, o Concelleiro de Vías e Obras, Miguel González, e o arquitecto municipal, Rubén Martín Vázquez, mantiveron con Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestructuras, acadando o compromiso de traballar conxuntamente na urbanización do espazo, incluíndo a rotonda da Gándara, competencia da Dirección Xeral de Mobilidade.
Así mesmo, o proxecto foi presentado polo Concello ante a Xunta de Galicia nas subvencións convocadas para a creación ou mellora de infraestructuras e equipamentos nos Concellos de Galicia para este ano 2018, aínda que foi denegada por parte do ente autonómico.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “a reforma integral do enlace da Gándara na PO-510 e o tramo final da Avda.de Galicia forma parte do gran proxecto de humanización e posta en valor dos espazos públicos na vila da Esfarrapada, onde as persoas son o máis importante: a mobilidade, a accesibilidade universal e a seguridade son obxectivos básicos para a Salceda
que queremos”.