Persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas atopou ao animal malferido e axentes medioambientais trasladárono ao Centro de Recuperación de Cotorredondo, onde foi tratado durante 12 días
Un equipo formado por técnicos da consellería, participantes no Campo de Traballo Internacional da Xunta en Cíes e o responsable do Servizo Nacional de Áreas Protexidas de Perú realizaron a solta do arao hai uns días na mesma zona na que fora recollido
O animal foi marcado cun anel metálico na pata, o que permitirá aos científicos facerlle un seguimento e comprobar o seu estado de saúde
Un exemplar de arao común localizado nas illas Cíes desorientado e con síntomas de desnutrición foi liberado hai uns días despois de ser atendido e tratado con éxito no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotorredondo, dependente da Consellería de Medio Ambiente.
Persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas atopou ao animal a finais de xullo nos arredores do Lago dos Nenos, nas illas Cíes. Tras dar aviso á consellería, axentes medioambientais capturaron ao arao malferido e o trasladaron de inmediato ás instalacións de Cotorredondo, que contan cunha unidade de coidados intensivos, unha sala de exploración e quirófano, laboratorio e piscinas para aves mariñas.
Durante 12 días, o exemplar estivo atendido e recibiu tratamento por parte dos especialistas do centro de recuperación. E unha vez comprobado que o seu estado de saúde era bo, deciudiuse proceder á súa solta na mesma zona na que fora localizado.
A liberación foi realizada por Juan Carlos Heaton, un dos responsables do Servizo Nacional de Áreas Protexidas de Perú, quen contou durante o operativo co apoio de técnicos do Parque Nacional das Illas Atlánticas e dalgúns dos participantes no Campo de Traballo Internacional que organiza a Xunta de Galicia en Cíes.
Ao igual que todas as aves que son atendidas e tratadas nun centro de recuperación, antes da súa solta procedeuse a marcar ao animal mediante a colocación dun anel metálico nunha pata. Este distintivo permite identificar de forma inequívoca a cada exemplar e facerlle un seguimento ao longo da súa vida.
Estes dispositivos de identificación resultan moi útiles para a comunidade científica, xa que son unha importante fonte de información sobre aspectos tales como os movementos migratorios das aves, as taxas de mortandade ou a morfoloxía de certas especies, datos a partir dos cales se poden desenvolver estudos ou planificar e deseñar políticas para a súa conservación e xestión.
Os araos son aves mariñas pertencentes á familia dos álcidos que se distribúen pola costa atlántica do norte de Europa. No caso de Galicia, é frecuente velos durante o inverno na plataforma costeira fronte ás Rías Baixas, onde se trasladan miles de parellas para invernar. De feito, os araos pasan todos os anos polo Parque Nacional, desde onde poden observarse pousados no mar, formando pequenas bandadas.
As dúas únicas parellas de arao que aniñan e se reproducen en España na actualidade están en Galicia, concretamente no illote Vilán de Fóra, en Camariñas. Sen embargo, esta especie foi a ave mariña máis numerosa da nosa comunidade ata mediados do século XX, con miles de exemplares repartidos entre as distintas illas da costa galega.
Existen datos que corroboran a presencia de colonias moi numerosas en Cíes e en Ons, onde desapareceu contra o ano 1975. No caso das illas Cíes, o último intento de cría de arao data de 1989.
Os expertos apuntan como hipótese principal para explicar a progresiva desaparición desta ave na Península Ibérica, a introdución das redes sintéticas, aproximadamente cara a metade da década dos 60.