Redacción 10/07/2018

O vindeiro domingo 15 de xullo o Polígono Industrial da Granxa cambia as rodadas dos trailers polas pedaladas dos ciclistas dende as 10.00 h

 

O salón de plenos do Concello do Porriño acolleu este martes a presentación oficial do Campionato de Galicia de Contrarreloxo por Equipos de Ciclismo, que se disputará o vindeiro domingo día 15 de xullo, no Polígono de A Granxa, organizado polo Clube Máster da Louriña.

No acto estiveron presentes o Tenente de Alcalde e responsable de Deportes, Manuel Carrera; o xerente da Asociación de Empresarios de As Gándaras e da Entidade Urbanística de Conservación A Granxa, David Sobral; o Director Técnico e Seleccionador da Federación Galega de Ciclismo, Guillermo Sande; e o responsable do club organizador Máster da Louriña, Juan Álvarez.

Todos os asistentes coincidiron en salientar a importancia desta proba que, sublimaron, fai unha aposta moi importante polas categorías inferiores do ciclismo galego, posto que a mesma está aberta a ciclistas cadetes, xuvenís e Elite/Sub 23, nas categorías masculina e feminina, que poden facer a súa inscrición ata este mércores, día 11 ás 23:59 h, entrando na páxina web da Federación Galega -fgalegaciclismo.es-.

Tanto o seleccionador coma o organizador da competición enfatizaron a “vistosidade” da mesma, dado que a modalidade de contrarreloxo por equipos, cunha saída -dende as 10.30 h-  programada con cadencias de tres minutos, permite seguir as evolucións de cada un dos participantes dende a primeira á última pedalada.

Pola súa banda, Manuel Carrera, que foi ciclista profesional, amosouse moi satisfeito porque a proba teña coma escenario o Polígono da Granxa, “que ten unhas rúas amplas, chas, con curvas doadas de trazar, que permiten acadar velocidade e gozar do esforzo dos deportistas”.

Carrera invitou ás veciñas e veciños do Porriño a acudir a este campionato no que, engadiu, os ciclistas teñen que dominar a técnica de competir contra o crono e, ao mesmo tempo, compenetrarse cos seus compañeiros, o cal fai de probas coma esta “un grande espectáculo para os amantes do deporte en xeral e, especialmente do ciclismo”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad