Redacción 02/07/2018

Un total de 39 persoas de diferentes departamentos contribuirán a manter un Mos limpo durante a tempada estival ao tempo que se fomenta a prevención de incendios forestais

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente, Limpeza, Parques, Xardíns e Revalorización de Espazos Públicos, Cándido Pérez, informaron hoxe de que dende o Concello estanse a intensificar os labores de desbroce e limpeza viaria con motivo do verán e, para elo, un total de 39 persoas traballarán neste senso. Estes 39 traballadores que manterán Mos limpo e protexido de lumes forestais distribúense entre a empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza viaria, operarios municipais, a brigada forestal do programa Aprol Rural e a brigada anti incendios subvencionada pola consellería do Medio Rural.

A empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria ten traballando a 12 operarios distrubuídos en dous grupos de 6 operarios cada un.  O grupo 1 atópase nestes intres a realizar labores de desbroce na zona de Seixo, parroquia de Tameiga, e continuarán, no seguinte orde, polas parroquias de: Petelos, Sanguiñeda, Pereiras e Cela. Os 6 operarios do grupo 2 atópanse traballando na Estrada da Vía, ao seu paso pola parroquia de Dornelas, e continuarán, no seguinte orde, polas parroquias de: Torroso, Mos e Louredo.

Un equipo municipal atópase tamén a realizar tarefas de desbroce en diferentes puntos da localidade. Está integrado por un total de 7 traballadores, 4 dos cales traballan en horario de mañá e os 3 restantes en horario de tarde. 2 dos integrantes deste equipo forman parte da plantilla do Concello de Mos permanentemente e os outros 5 (3 en horario de mañá e 2 en horario de tarde) foron contratados con cargo ao Plan Concellos 2018-2019 na liña de ‘emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais’.

Outro equipo municipal integrado por 2 traballadores do Concello encárgase dos labores de limpeza no Sendeiro Ecolóxico do Río Louro, a Senda Peonil Circular Petelos-Tameiga, Muíños, Fontes e Lavadoiros da localidade mosense e contornos das Escolas Infantís de Mos sitas na Porteliña (Petelos) e Cototorrón (Tameiga).

Por outra banda onte, día 1 de xullo, comezaron a traballar no Concello de Mos 4 peóns forestais que se contrataron durante 9 meses grazas á subvención de 45.000 € do programa Aprol Rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta axuda atópase enmarcada na liña de subvencións da Secretaría Xeral de Emprego para entidades locais que contraten traballadores desempregados para a realización de obras e servizos de interese xeral e social.

E por último comezarán a traballar esta semana os operarios da brigada anti incendios con cargo á subvención anual da que goza dende 2016 o Concello de Mos para a prevención de incendios forestais grazas a un convenio de colaboración asinado coa consellería do Medio Rural. Grazas a esta axuda a administración local mosense contratou a unha brigada contra incendios formada por 14 persoas: 9 condutores motobomba, 4 operarios peóns e 1 xefe de brigada. O importe total da axuda concedida por Medio Rural ascende a 60.679,62 €.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad