Redacción 06/12/2024

O Concello de O Porriño está a incumprir na xestión de resíduos a normativa europea, estatal e galega

O goberno do PP de Alejandro Lorenzo está a infrinxir diferentes directivas e leis referidas ó tratamento dos restos orgánicos. Incúmprese a Directiva Europea de Residuos, a Lei estatal de Residuos e Solos Contaminados para una Economía Circular e a Lei galega de Residuos e Solos Contaminados. Nelas, establécese que, desde o 1 de xaneiro do 2024, as vivendas do Porriño deberían separar en orixe os restos orgánicos; ademais, o contedor marrón, para restos orgánicos, debería darlle servizo a toda a área urbana do casco urbano da vila e Torneiros. Nas parroquias ou nas áreas de xeración destes residuos, débese crear sistemas de compostaxe comunitaria e, finalmente, promocionar a compostaxe doméstica.

“A falta de planificación e o incumprimento da lexislación caracterizan o Concello do Porriño na xestión de residuos”, afirma Marcelo Rodríguez, concelleiro do BNG local. Os contedores marróns comezan a colocarse aínda agora e non presentan o peche especial, que se estableceu no contrato coa empresa concesionaria. Estes contedores son  insuficientes, pois moitas zonas do centro do Porriño carecen deles. A colocación destes novos contedores non se acompañou con unha campaña informativa e de promoción da compostaxe, polo que a poboación non ten claro nin o tipo de residuos que deben recoller nestes contedores nin a forma de desbotalos.

“Así, o problema aínda se agrava máis. Estes contedores están recepcionando hoxe lixo que non lles corresponde, o que pode suporlle ao concello multas por un mal uso”. A compostaxe comunitaria tamén carece dun estudo previo para determinar cales son os mellores lugares para colocar as illas de contedores marróns. “Actualmente, parece que calquera sitio vale para a súa distribución, o que reduce en moito a súa efectividade”, indica o concelleiro nacionalista.

“O problema non é menor, pois no Porriño xéranse arredor de 12 toneladas anuais de residuos orgánicos”. Unha boa xestión destes serve para reducir as emisións de contaminantes que son nocivos para a saúde da poboación e para a da vida en xeral do planeta. Os referidos gases están relacionados co efecto invernadoiro, coa alteración dos ciclos da vida e coa aparición de pragas, enfermidades e outros danos ao medio. Pola contra, ben xestionados poderían ser aproveitados como un fertilizante natural de gran calidade e de balde para toda a veciñanza.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad