A innovadora iniciativa nace na Biblioteca Municipal mosense María Magdalena, cunha periocidade quincenal os martes ás 12.00 h
Onte presentouse na Biblioteca Municipal María Magdalena o Club de lectura fácil inclusiva titulado “Libros sen Límites”. Unha novidosa iniciativa que nace coincidindo coa conmemoración, hoxe 3 de decembro, do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
Na presentación estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, a educadora e dinamizadora que será a encargada de conducir o Clube, Vicky Lago, xunto co seu can de terapia, Mimo, que estará presente como parte activa nas sesións; a bibliotecaria municipal, Diana Lago, membros de EVD Galicia e Cogami, e usuarias da Biblioteca Municipal.
O Club de lectura fácil inclusiva impartirase na Biblioteca Municipal María Magdalena cunha periodicidade quincenal, os martes ás 12.00 horas. A inscrición xa se topa aberta para todas as persoas que queiran participar, polo que se anima a todo aquel que queira anotarse a que chame ao número de teléfono da Biblioteca para facelo: 986 338 080.
Os destinatarios da iniciativa son persoas con discapacidade (cognitiva ou intelectual) ou calquera persoa á que lle custe ler… maiores, etc.
Os obxectivos da actividade son crear un espazo de disfrute, aprendizaxe e socialización mediante unha metodoloxía que simplifica os textos para facelos máis comprensibles e que sirva de foro de intercambio de ideas e emocións. O club de lectura incluirá tamén actividades complementarias como xogos, debates, e taller de escritura creativa.
As representantes municipais, a rexedora local, Nidia Arévalo, e a edil mosense de Política Social, Sara Cebreiro, declararon sobre o mesmo que “este Club de Lectura Fácil ofrece unha oportunidade significativa para que persoas con discapacidade cognitiva ou intelectual conéctense coa lectura e cos demais. O impacto esperado non só se limita ao desenvolvemento de habilidades lectoras, senón que tamén busca fomentar a inclusión social e fortalecer a autoestima dos participantes”, explicaron Arévalo e Cebreiro.