A inscrición nun roteiro nocturno cunha chocolatada de balde pode facerse gratuitamente até ás 23.59 h do luns 28
O concello de Tui organiza un roteiro nocturno polo conxunto histórico para o próximo xoves, 31 de outubro, de 21.00 h da noite a 01.00 h da madrugada, ofrecendo aos participantes a oportunidade de descubrir os segredos agochados polas rúas empedradas e os túneles desta zona da cidade, redescubrindo Tui dende unha perspectiva distinta.
O percorrido comezará na praza da Inmaculada, en grupos de 10 persoas que irán saindo cada cinco minutos. Ao longo da andaina cruzaranse con misteriosas persoaxes que, amáis de contar as súas historias de vida, poden provocar algún susto inesperado.
A participación é gratuíta pero é preciso inscrición previa no formulario https://barafundaanimacion.com/roteiros/tui elixindo o horario para realizar a andaina. As prazas son limitadas.
Unha vez rematado o percorrido, as persoas participantes poderán gozar, na praza de San Fernando, dunha chocolatada que porá o punto doce dunha noite chea de misterio.