Sthela Táboas 23/10/2024

Mercado, showcookings, catas, música, obradoiros, espectáculos  e concurso-exposición forman parte do amplo programa a celebrar no Mercado de San Antonio

O Concello de Tui organiza a IV Feira da Cabaza, que se vai celebrar este sábado 26 e domingo 27 e o próximo xoves 31 de outubro, no Mercado de San Antonio. O obxectivo principal desta actividade é poñer en valor as súas propiedades, nas distintas variedades e usos.

O sábado, ás 10.00 h, terá lugar a inauguración oficial e apertura do mercado de cabazas e produtos de temporada; no que se poderá atopar amais das cabazas, cestería, marmeladas, cogomelos, castañas, noces, mel, galletas, queixos e embutidos. Poderase visitar tanto o sábado coma o domingo, de 10.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

A IV Feira da Cabaza acollerá un amplo programa de actividades dirixidas a todos os públicos como showcooking, o sábado ás 12.00 h coa chef Noelia Figueiras Vega, xerente de Ministerio del Fogón; e co chef afincado en Tui, Judicael Romero con “Innovacións con cabaza” o domingo ás 12.00 h, cun proxecto no que fusiona tradición e modernidade empregando a cabaza coma fío condutor. Para estes obradoiros é preciso inscribirse na Oficina de Turismo.

Tamén haberá cata de viños e tapas de mercado don D’Calle  e Almacén Urbano, con viños maridados con tapas elaboradas a base de cabazas e outros produtos de outono. Neste caso a participación ten un prezo de 25 €/persoa, inscrición previa en Almacén Urbano.

Tanto o sábado coma o domingo, ás 13.00 h, haberá sesión vermú con D’Calle e Almacén Urbano.

Os máis pequen@s, con idades entre os 3 e 11 anos, poderán gozar no obradoiro de cociña de Hogwarts, no que elaborarán Snitch dorada de cacahuete, Ovos de dragón de Hagrid, e Crías de Aragog, e batidos das casas de Hogwarts. Amais está prevista unha charla, a cargo de María López -nutricionista do Centro de Saúde de Tui- sobre “A cabaza nunha alimentación saudable”.

Non faltarán na programación outras actividades coma o espectáculo “A maxia das cabazas do profesor Wocky” e a actuación do saxofonista Marcos Sabor.

Mentres, o xoves 31, celebrarase dentro da programación un concurso-exposición no que todas as persoas participantes recibirán un agasallo, como condición deberán entregar as súas cabazas decoradas a partir das 9.00 h no Mercado de San Antonio. Ás 14.00 h o xurado reunirase para, entre todas as propostas presentadas, entregar o premio á cabaza máis creativa e elaborada.  Esa mesma tarde, a partir das 16.00 h, haberá pintacaras no mercado e, ás 17.00 h, comezará o truco-trato polo comercio local en colaboración con ACITUI.

As actividades pecharanse cun roteiro nocturno de Samaín polo conxunto histórico do que nos próximos días se darán a coñecer todos os detalles.

A cabaza tamén será protagonista na hostalería local xa que na súa oferta gastronómica durante estes días incorporarán pratos elaborados con este produto

Coa celebración da IV Feira da Cabaza o concello de Tui pon en valor e promoción do produto local e de temporada.  A concelleira de Comercio e Mercado, Ana  Núñez, salienta que con esta consolidada feira quérese “amosar a versatilidade deste produto e as súas múltiples variedades, tanto en receitas como en usos, ademais de subliñar as súas propiedades saudables”. Engade a concelleira de Comercio e Mercado de Tui que “ a feira non só é un espazo para adquirir cabazas e produtos de tempada, senón tamén un punto de encontro para a tradición, a cultura, o entretemento e a gastronomía. Agardamos que as actividades, dende os showcookings ata os obradoiros e concursos, sexan un éxito e que a veciñanza e os visitantes gocen desta celebración no Mercado de San Antonio”.

Pola súa banda o alcalde, Enrique Cabaleiro, salienta  que esta Feira da Cabaza é unha magnífica oportunidade para celebrar as tradicións vinculadas ao outono, buscando que a feira sexa un lugar de encontro tanto para a veciñanza coma para visitantes e turistas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad